Hoxe, nas Oficinas Agrarias Comarcais da Galiza traballan máis de 300 profesionais entre veterinarias, enxeñeiras agrónomas, enxeñeiras técnicas agrícolas e persoal administrativo divididas nas case 70 oficinas agrarias comarcais distribuídas por todo o país.

Nos momentos actuais de crise dos sectores agro e gandeiros, a Consellería non é quen de dotar de persoal suficiente nin material ás oficinas agrarias comarcais.

Isto, a día de hoxe, vese agravado polo feito de que vén de abrirse o prazo para tramitar as axudas da PAC e, en pouco tempo, comezarán as campañas para solicitar subvencións como as de novas incorporacións, os plans de mellora, etc… que supoñen unha carga de traballo extraordinaria á que non van poder responder dende esta oficina.

O desmantelamento da Oficina Agraria Comarcal de Xinzo de Limia inscríbese nunha política clara de recortes que a Xunta de Galicia e a Consellaría de Medio Rural levan anos executando en toda a rede de OACs de Galiza, substituíndo moitos servizos por trámites telemáticos que, na maioría dos casos, obrigan a usuarios e usuarias a contratar servizos privados para poder xestionalos. Ademais, as OACs foron perdendo, co paso dos anos, o seu importante labor de formación e asesoramento para as nosas granxas e explotacións, reducíndose o seu indispensable rol para o noso agro á mera burocracia.

Por todo isto, dende En Marea vimos de pedir no parlamento galego que doten de suficientes medios materiais e humanos a Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Xinzo de Limia.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.