A pataca ocupa un dos primeiros lugares na nosa alimentación e na economía produtiva do rural galego. A praga que está afectando ás plantacións de pataca pola couza guatemalteca continúa a avanzar polo noso país sen que o goberno da Xunta estableza medidas para erradicala e reparar os danos producidos.

As agricultoras e agricultores galegos atópanse nunha situación de desprotección e incertidume logo de coñecer o RD 197/2017 no que non se concretan as indemnizacións nin os prazos para a súa execución.

Desde o Grupo Parlamentar de En Marea, consideramos que esta situación é unha mostra máis das políticas de desmantelamento do rural galego do Partido Popular: peche de escolas, centros de saúde, medios de transporte públicos, recortes en servizos sociais, infraestruturas e comunicacións, falta de políticas de natalidade activas, políticas forestais e agrarias precarias e insuficientes, desmantelamento das oficinas de extensión agraria, etc. que teñen como obxectivo deixar esmorecer o noso campo e os pequenos núcleos de poboación ata a súa desaparición.

Ante esta inacción do goberno do Partido Popular, a deputada no Congreso dos Deputados, Alexandra Fernández, así como os deputados no Parlamento de Galiza, Davide Rodríguez e Paula Quinteiro de En Marea presentaron varias iniciativas para o seu debate en plenos e comisións, nas que esixen á Xunta de Galiza unha xestión urxente, concreta e transparente da crise da Couza.

Davide Rodríguez, membro da Comisión do Medio Rural, propón a elaboración dun inventario das explotacións afectadas nas que se efectúen controis exhaustivos e avaliación de danos. É necesario reforzar a vixilancia da procedencia dos tubérculos e sementes, constatando a súa orixe. Urxe a creación dunha liña de axudas para indemnizar ás persoas afectadas ante a previsible prohibición do cultivo de patacas nas áreas delimitadas, así como indemnizacións para o lucro cesante das persoas produtoras, é dicir, o que se deixa de gañar como consecuencia da prohibición.

Agora mesmo, dende En Marea vemos insuficientes as axudas que van a dar os produtores afectados nos 31 concellos, xa que os 0´30€ para a recollida da pataca acopiada nos “pataqueiros”, e os 0`70€ para a semente son claramente insuficientes. Isto sen contar cos 4.000€ por hectárea, as inexistentes axudas as minimis (lucro cesante) ou indemnizacións as economías domésticas que se van a ver afectadas ao non poder ter autoconsumo.

Esiximos ao goberno da Xunta que actúe con decisión e urxencia para atallar as consecuencias da praga e que adopte medidas complementarias ao Real Decreto que é insuficente para loitar contra a couza guatemalteca.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.