Babcock, antiga Inaer, empresa líder en salvamento e operacións contra incendios da Xunta, dedicada en exclusiva aos servizos de emerxencias en Galicia a través da contratación permanente de helicópteros, é a concesionaria cabeceira dos últimos anos no territorio galego.

En febreiro de 2018, a CIG denunciou o incumprimento reiterado por parte da empresa Babcock das prescricións técnicas do servizo, polo que solicitara á Consellería de Medio Rural a cancelación do concerto con Inaer Galicia, actualmente Babcock.

Trala vaga de lumes que arrasou Galicia en outubro de 2017, En Marea denunciou en numerosas ocasións o desmantelamento continuo do servizo de loita contra incendios en Galicia. Como exemplo, narrábase a existencia dun helicóptero modelo Puma, na base de Toén (Ourense), que por contrato debía ter capacidade para transportar 2500 litros de auga e sen embargo so levaba 1700 litros.

Tamén denunciamos que os servizos de mantemento integral se estaban realizando no mesmo emprazamento no que se atopaba o helicóptero cando tiñan a obriga de realizalos nun hangar equipado.

Babcock, que xa estivo tamén no punto de mira do Consello de Contas por presuntas irregularidades foi condenada o pasado mes de marzo pola Audiencia Nacional por simular préstamos para eludir impostos e sancións por máis de seis millóns de euros, que lle conlevaron unha sanción doutros tres millóns. Na sentenza reflíctese que Inaer Aviation Spain S.L. simulou préstamos participativos que concederon os seus sociais para financiar a adquisición de participacións da propia empresa.

Agora, a concesionaria de helicópteros da Xunta leva un novo pao xudicial, ao desestimar o Tribunal Supremo o recurso de casación, polo que Babcock deberá pagar máis de nove millóns de euros.

Como xa ten denunciado En Marea en diversas ocasións, por parte da Xunta, estanse pagando favores a empresas privadas como Babcock, a pesar da reincidencia nos incumprimentos técnicos.

Dende En Marea, hoxe, no parlamento galego pedímoslle a Xunta que debería explicar claramente cales son os motivos para seguir mantendo o contrato con esta empresa, polo que instamos á Xunta de Galicia a motivar xustificadamente o mantemento do contrato con Babcock, a pesares dos reiterados incumprimentos, constatados nas sentenzas da Audiencia Nacional e o Tribunal Supremo.

Que votou o PP? En contra.

Cheira a chamusco!

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.