Fai arredor de sete anos apareceu en Galicia unha especie invasora, a vespa velutina, que prexudica gravemente a apicultura e supón unha ameaza medioambiental de primeira magnitude.

A velutina está incluída no Catálogo Español de especies invasoras, a través do real Decreto 630/2013 de 2 de agosto. A Ley 42/2007, de 13 de diciembre, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad, pola que se crea o catálogo citado, establece a obrigación das administracións de crear medidas de control, xestión e posible erradicación de tales especies.

Porén, as medidas non parece que estean a xurdir o efecto desexado, xa que, polo momento, nin sequera se atopou ningún patrón claro da súa proliferación. Hai moitos concellos afectados no norte do territorio, pero tamén no interior.

A extensión desta especie trae consigo unha serie de prexuízos ambientais e económicos, especialmente para as apicultoras e apicultores, pero non só para eles, xa que ao reducir a poboación das abellas, que son insectos importantes na reprodución vexetal, a invasión está repercutindo na produtividade de moitos cultivos e froiteiros.

A gravidade da invasión é tal que entre xullo de 2018 e xullo de 2017 o 112 recibiu case 25.000 avisos pola presenza de avespas velutinas. Os picos de incidencias producíronse no verán e no outono de 2017, con máis de 4.000 chamadas en xullo e agosto, e 3.000 en setembro, novembro e decembro.

Ata o de agora, o método máis empregado para loitar contra a velutina foi o trampeo, que se realiza en primavera aproveitando que as reinas comezan a formar os seus niños. Este procedemento foi adoptado pola Xunta de Galicia e foi acompañado dun protocolo de captura de reinas.

Agora que se aproxima a primavera, cómpre facer unha avaliación do que se fixo ata o momento para acabar coa avespa velutina.

Fai tempo que a comunidade científica vén denunciado que as prácticas de trampeo incontrolado, realizadas por persoal non cualificado e sen unha análise posterior a corto, medio e/ou longo prazo da súa efectividade, entrañan un risco notable para a contorna natural. Un estudo elaborado por Arturo Goldarazena demostrou que incluso unha trampa deseñada especificamente para capturar avespas velutinas captura unha porcentaxe ínfima de insectos desta especie.

O estudo centrouse no trampeo realizado entre o 1 de setembro e o 30 de novembro do ano pasado na provincia de Álava. O resultado: 54.203 insectos capturados, dos cales só 55 eran avespas velutinas. A porcentaxe de velutinas con respecto ao total é mínima, pero tamén o é a porcentaxe con respecto ás abellas atrapadas, un total de 2.706.

Galicia tería que contar cun estudio semellante para saber cal é exactamente a eficacia do trampeo que está levando a cabo e cal é o impacto que está tendo na contorna natural.

Por todo isto, dende En Marea preguntámoslle a Xunta de Galicia:

  • Que incidencia da velutina agarda a Xunta de Galicia durante a primaveira?

  • Manexa a Xunta de Galicia algunha previsión?

  • Que avaliación fai a Xunta de Galicia dos danos colaterais do trampeo?

  • Que avaliación fai a Xunta de Galicia dos danos o medio ambiente que se está a producir por mor dos velenos empregados para matar o insecto?

  • Cal é o prezo que está a cobrar a empresa Tragsa por retirar un niño de Velutina?

  • Que insectos morreron por mor desta práctica, ademais das velutinas?

  • Que efecto tivo a morte deses insectos para o medio ambiente e a agricultura?

  • A Xunta de Galicia conta con algún estudo do impacto socioeconómico que está a producir a praga?

 

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.