O deputado de En Marea reclámalle á Xunta que inste ao Goberno Central á declaración de Zona de Emerxencia aos territorios afectados polas xeadas do mes de abril.

Esta mañá no Pleno ordinario do Parlamento Galego, o deputado ourensán Davide Rodríguez, defendeu a aprobación urxente de medidas para paliar os danos sufridos polas xeadas dos pasados días 27 e 28 de abril que arrasaron grande parte da produción  vitivinícola de toda a provincia de Ourense.

O sector move aproximadamente, 88.000.000€ en Ourense e Lugo, provincias que a día de hoxe ocupan a cola no conxunto da Galiza no que a indicadores socioeconómicos se refire.

Davide Rodíguez aseverou que: “o que é asegurable non é subvencionable” e acusou á conselleria de Medio Rural, Ángeles Vázquez de “tremendo exercicio de irresponsabilidade, prepotencia e deixadez de funcións.”

En Marea esixe á Xunta que se inste ao Goberno Central a que declare os territorios afectados pola xeada como Zona de Emerxencia, que se habiliten axudas directas para paliar os danos, condonen as cotas á Seguridade Social dos/as profesionais afectados/as, negocien as condicións dos seguros agrarios (adaptándoos á realidade galega), e poñan á disposición das persoas afectadas unha liña de créditos sen custes de tramitación e con xuro cero.

O deputado ourensán Davide Rodríguez insistiu en que: “O goberno do Partido Popular ten a obriga de compensar eses danos, que poderían ter estado cubertos de ter feito a administración os deberes no tocante a seguros anos atrás, e non amosando a súa inoperancia e pasividade nesta materia. As medidas propostas desde En Marea, acordadas e debatidas co sector, son medidas reais que se deben levar a cabo, como xa se aplicaron noutras zonas, sendo conscientes de que con vontade política se poden implementar.”

Estas medidas son imprescindibles para a subsistencia e preservación da identidade, da paisaxe e da forma de vida de milleiros de persoas en Galiza. Se o Partido Popular continúa coas súas políticas de aniquilamento do noso rural, non haberá futuro no sector agrogandeiro, non se asentará poboación no rural e desaparecerán as pequenas poboacións ao ter que marchar e buscar alternativas para poder traballar e vivir.

Davide Rodríguez manifesta o seu “compromiso de continuar ao carón das adegas e produtoras nesta loita até que a Xunta e o Goberno do Estado atendan as súas demandas.”

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.