En agosto deste ano, a ex-conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, asinou con algunhas organizacións agrarias e cooperativas un documento no que se reflectía a postura institucional do Goberno cara a reforma da política agraria común (PAC).

O documento foi entregado ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para que as achegas de Galicia estiveran presentes na posición de España como Estado membro da Unión Europea (UE). No texto reclamábase un único plan estratéxico por Estado para as axudas da PAC, que recollera as singularidades de cada comunidade autónoma. Así, a Xunta fixaba “a postura da Comunidade Autónoma ante a futura Política Agraria Común, ao obxecto de que a mesma garanta a consecución dun sector agrario rexional rendible, sustentable e innovador, que fixe poboación no medio rural”.

No punto primeiro do documento dicíase literalmente “1) A Comisión mantén a proposta de que cada país deseñe un modelo propio de aplicación elaborando un plan estratéxico nacional dando máis capacidade aos estados membros para adaptar a PAC á súa realidade territorial, produtiva e sectorial”.

Máis adiante, engadíase: “Consideramos imprescindible que tal como establece o proxecto de Regulamento haxa un único Plan estratéxico da PAC por Estado membro. (…) O novo regulamento debe establecer criterios uniformes para todos os estados”.

A Política Agraria Común, máis coñecida como PAC, creada no ano 1962, constitúe unha das políticas fundamentais e un elemento esencial no sistema institucional dentro da Unión Europea, para dous sectores estratéxicos como son a agricultura e a gandería.

O Goberno da Xunta optou por demandar un único plan estratéxico, na liña do que xa fixera o anterior goberno central, así como o actual. Isto contradí a vontade expresada por Medio Rural de atender ás diferencias e especificidades de cada comunidade.

É unha grande oportunidade para Galicia para garantir que mediante o cumprimento dos nove obxectivos marcados na PAC se contribúa a mellorar estes sectores estratéxicos, por iso, hoxe no pleno do parlamento galego instamos á Xunta a defender que Galicia conte cun plan estratéxico propio de cara ao vindeiro período da PAC, pero o Partido Popular, xa anunciou que mañá votará en contra.

Todo ben Alberto?

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.