A Asociación de Nais e Pais do Alumnado do IES Chamoso Lamas do Carballiño presentou unha solicitude para modificar unha parada do transporte escolar en Fonteantiga, en San Fiz do Barón.

Esta solicitude faise porque a parada dista 400 metros da casa dunha persoa menor que acode ao IES Lamas do Carballiño. A parada non conta con elementos para resgardarse, nin con luz e o traxecto non ten alumeado público, polo tanto non se dan as condicións de seguridade necesarias para que a menor faga o percorrido con seguridade.

Son moitas ás razóns que explican o despoboamento das zonas rurais, sendo unha delas a dificultade da cidadanía para acceder aos servizos básicos, o cal nos coloca nunha situación de desigualdade fronte a cidadáns de zonas urbanas.

O caso de O Carballiño non é un caso illado. No Concello de Manzaneda, no cal resido, tamén existen casos nos que o transporte escolar non é acorde á demanda existente, tendo que ser as nais e pais os que, ou ben teñan que saír dos seus traballos para suplir as carencias da Xunta de Galicia en materia de transporte, ou ben pagando un servizo de taxi, asumindo así un gasto extra de tempo e diñeiro.

Polo tanto, dende En Marea preguntámoslle á Xunta se pensa que isto é apostar polo rural e rexistramos unha iniciativa no parlamento galego instando á Xunta de Galicia a reconsiderar a súa política de transporte escolar no medio rural, acercando o servizo a tódolos nenos e nenas que o precisen, como medida indispensable para a fixación de poboación no rural, de maneira que se garanta dito transporte dende as vilas aos centros educativos.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.