No mes de febreiro preguntámoslle a Xunta de Galiza sobre o incumprimento do contrato asinado por esta coa empresa Babcock en materia de extinción de incendios.

Non deixedes de ler a resposta. Non ten desperdicio.

Corto e pego:

En relación coa pregunta con resposta escrita número: 45976, a iniciativa de don David Rodríguez Estévez, sobre “o incumprimento do contrato asinado pola Xunta de Galicia coa empresa Babcock en materia de extinción de incendios”, (publicada no BOPG número 435 do 21 de febreiro de 2019), teño a honra de enviarlle, para así dar cumprimento ao previsto no artigo 157 do Regulamento do Parlamento de Galicia, a contestación formulada pola Consellería do Mar, que ten o seguinte contido:

A Sala do Contencioso administrativo da Audiencia Nacional ditou o 8 de marzo de 2018 unha sentencia na que se confirmaba a resolución do Tribunal Económico-Administrativo Central contra o acordo de liquidación polo Imposto de Sociedades relativo aos exercicios 2007 e 2008 e contra a sanción imposta con motivo de dita liquidación.

Cabe sinalar que a sentencia da Audiencia Nacional non é firme, senón que contra ela cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo que, se ben xa foi formulado aínda non ten sido resolto, polo que haberá que esperar a ver en que sentido se pronuncia o tribunal.

Convén recordar que esta sentencia afecta á situación e circunstancias da empresa nos anos 2007

e 2008.

En todo caso, a Consellería do Mar apoia firmemente a transparencia e defensa deste servizo fundamental para Galicia, mellorando tamén a operatividade dos helicópteros, apostando por un modelo que, grazas ás dobres tripulacións, permite ter garda presencial as 24 horas dos 365 días do ano, e permite ter resposta en dez minutos, maior operatividade e menos paradas longas”.

O que lle remito para o seu coñecemento e inserción no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, de acordo co previsto no artigo 65 e concordantes do Regulamento vixente.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.