En Marea ven de rexistrar unha Proposición Non de Lei instando á Xunta de Galicia a promover unha atención sanitaria especializada e de proximidade, nomeadamente no rural.
Dende En Marea, en numerosas ocasións, teñen denunciado as políticas de desmantelamento do rural do Partido Popular co estrangulamento continuo dos servizos públicos, situación que se agravou trala desaparición das áreas sanitarias coa reforma da Lei de Saúde e os efectos da “xestión integrada”, o que supón, como se pode comprobar a diario, falta de profesionais, listas de agarda, derivacións a outras áreas ou mesmo a hospitais privados, etc.
A atención sanitaria no rural ten graves eivas,  “como se pode constatar na provincia de Ourense, tanto nos centros de saúde como no mesmo Hospital Comarcal de O Barco de Valdeorras, onde non é a primeira vez que servizos esenciais como o de rehabilitación, fisioterapia ou cardioloxía quedan sen especialistas en determinadas datas”.
Mentres o Sergas asegura que “mantén o número de facultativos e de profesionais de garda”, tal e como se fixo público, estes días non se contou no Hospital co traumatólogo de garda, o que provocou que unha doente que sufriu unha semiamputación dun dedo tivera que agardar cinco horas ata recibir atención sanitaria en Ourense.
Este desmantelamento, “ven causado, como xa denunciamos dende En Marea en numerosas ocasións, entre outros motivos, polos recortes de persoal levados a cabo polas políticas do Partido Popular, recortes que fan que menos profesionais deban atender a máis doentes, que teñan que atender diferentes concellos, restrinxindo o horario de atención en cada un deles, que os/as especialistas acudan aos centros de saúde e hospitais determinados días e horas, etc”.
Ante esta situación,  En Marea ven de presentar unha Proposición Non de Lei para instar á Xunta a garantir a cobertura das gardas polos especialistas correspondentes, promovendo unha atención sanitaria especializada e de proximidade para os/as doentes e xustificar debidamente o destino do importe das gardas estipuladas e non cubertas por ausencia de especialista e tamén para que se elabore un Plan Integral de Atención Sanitaria específico para as comarcas rurais galegas, no que se teñan en conta as circunstancias do rural e da súa poboación, así como o criterio de todos os axentes implicados.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.