Fai algo máis dun mes o Ministerio de Fomento do Goberno de España esta tallando polo pé centos de árbores que están na estrada N-525 entre o punto quilométrico 206 ao 208, este treito da N-525 coincide coa Vía da Prata-Camiño Mozarabe do Camiño de Santiago. Treito entre Santana e Piñeira de Arcos (Concello de Sandiás).

Estas 230 árbores autóctonas compuñan un conxunto arbóreo de alto valor medioambiental, paisaxístico, etnográfico, cultural, estaban integradas na contorna protexían das inclemencias aos peregrinos (sol no verán, cortaventos e elementos atmosféricos nas invernías). Non supuñan ningún risco para a seguridade viaria, ningún risco para os usuarios tanto peregrinos, camiñantes como veciños e veciñas.

Das árbores talladas polo pé aproximadamente 1/4 parte estaban nos noiros da estrada (só nestas árbores podía estar xustificada a intervención con criterios da arboricultura moderna o seu axeitado mantemento).

Lembrar cos Camiños de Santiago teñen normativa propia de protección, Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

LEI 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Artigo 78. Usos e actividades prohibidas nos Camiños de Santiago

1. Os tramos non urbanos da traza dos Camiños de Santiago non poderán ser utilizados para o tráfico rodado de vehículos de motor, calquera que sexa a súa natureza, agás nos casos en que resulte o único modo de acceso a parcelas e vivendas ou que se trate de vehículos necesarios para o seu mantemento e conservación e dos de extinción de incendios.

2. No ámbito de tres metros a ambos os dous lados da traza a partir da súa liña exterior prohíbense os seguintes usos e actividades:

a) A corta xeneralizada de arboredo frondoso autóctono. Poderá autorizarse a corta illada de frondosas autóctonas coa obriga, de ser o caso, de compensar a corta coa replantación inmediata de exemplares similares.

Pero este non é un caso illado. Nos últimos meses, tamén por parte da propia Xunta de Galicia se está a proceder nas vías da súa titularidade a un auténtico arboricidio.

Na Parroquia de Herbogo, no Concello de Rois, carballos de máis de 100 anos de idade e en perfecto estado de conservación foron chapodados polo pé sen ningún tipo de análise previo sobre se debía de estar onde sempre estivo ou non. A Baña, Maceda, Sobrado dos Monxes, Trives, A Rúa, Mondoñedo… son centos de concellos os que están a ser arrasados con esta política de chapodar árbores autóctonas centenarias e en perfecto estado de conservación o carón das vías de circulación.

Por isto, dende o Grupo Parlamentario Mixto / En Marea pedimos a inmediata paralización do xeito de proceder nas cortas das árbores xeneralizadas que están a ter lugar en vías de circulación do país, así como a para evitar no posible máis danos ao patrimonio arbóreo vivo xunto coa reposición inmediata das árbores talladas polo pé tal e como recolle a Lei do patrimonio cultural de Galicia e por os medios para que non se volvan a producir estes feitos ou actuacións que estragan o patrimonio cultural, etnográfico, a paisaxe, a biodiversidade e o propio futuro social e medioambiental do conxunto do país.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.