A Xunta de Galicia deu resposta á pregunta de En Marea sobre a supresión do servizo de pediatría no centro médico da Pobra de Trives durante o período estival.

A resposta non nos serve!!!

Desde En Marea defendemos o respecto e a atención á cidadanía independentemente de onde residan así como o dereito das persoas a permanecer nos seus domicilios, no seu entorno, se así o desexan, todo o tempo que poidan. O rural precisa recursos e garantías de atención.

Polo tanto, esixímoslle a Xunta de Galicia a garantir o servizo de pediatría no Centro Médico de Pobra de Trives e Castro Caldelas de hoxe en diante, para poder ter así, os seus nenos e nenas, o dereito máis básico: o dereito á saúde.

Podedes ver aquí a resposta íntegra:

En relación coa pregunta con resposta escrita número: 33140, formulada polo Grupo Parlamentario deEn Marea, a iniciativa de don David Rodríguez Estévez, dona Eva Solla Fernández e dona PaulaVázquez Verao, sobre “as razóns do Goberno galego para suprimir o servizo de pediatría no centro médico da Pobra de Trives durante o período estival, así como as súas intencións respecto da reconsideración desta decisión e a garantía do servizo de xeito inmediato”,
(publicada no BOPG número 335 do 11 de xullo de 2018), teño a honra de enviarlle, para así dar cumprimento ao previsto no artigo 157 do Regulamento do Parlamento de Galicia, a contestación formulada pola Consellería de Sanidade, que ten o seguinte contido:

“A reordenación temporal durante este verán da atención pediátrica básica na provincia de Ourense responde á imposibilidade de dispoñer de especialistas cos que substituír, durante as vacacións ou ausencias, aos pediatras titulares e garantir así o acceso á atención pediátrica básica do conxunto da poboación infantil da provincia.

No caso da comarca das Terras de Trives o seu servizo de referencia para a atención pediátrica é Maceda. Durante todo o ano desde Maceda desprázase un pediatra ao Centro de Saúde de Trives, para atender alí durante tres horas semanais (repartidas en dúas xornadas con hora e media de consulta) aos 186 nenos da comarca de Trives (deles 26 menores de 3 anos), que, no caso de necesidade, acoden a Maceda o resto dos días da semana, como puideron continuar facéndoo estes meses de verán nos que se centralizan alí as consultas.

Ademais, durante o verán aos nenos de Trives ofréceselles tamén a posibilidade de acudir á consulta de pediatría do centro de saúde da Rúa, tendo en conta a súa proximidade dalgunhas parroquias; podendo así ir a calquera dos dous”.

O que lle remito para o seu coñecemento e inserción no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia, de acordo co previsto no artigo 65 e concordantes do Regulamento vixente.

Santiago de Compostela,
A directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias
(ASINADO DIXITALMENTE)
Sr. presidente do Parlamento de Galicia

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.