O informe da Conta do ano 2018, presentado pola Consellería de Facenda da Xunta de Galicia indica que Medio Rural non executou o total do orzamento do que dispuña. Así deixou de executar 116.037 millóns de euros, algo que tamén sinalou o Sindicato Labrego Galego.

Outra axencia na que se deu o mesmo feito é AGADER, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural que deixou sen executar 11.895 millóns de euros, o que supón o 49,09% do seu orzamento.

Por outra banda, a Consellería sinalou que vai rematar coas axudas agroambientais porque o sector non as pide.

Estas axudas agroambientais, que dependen da financiación da Política Agraria Común, teñen como obxectivos a produción de alimentos ecolóxicos cun carácter marcadamente medioambiental, axudando na loita contra o cambio climático e a xestión sostible dos recursos naturais mentres permiten a modernización das infraestruturas gandeiras, o acceso a estes produtos polas persoas consumidoras mentres se permite que gandería e agricultura teñan uns ingresos mínimos, e todo coa conservación das mesmas e do paisaxe conforme aos mandatos da Unión Europea. Todas estas axudas, que inda subsistirán ata o ano 2021, non volverán a convocarse para vindeiros anos mentres se revisa a PAC e hai un novo PDR.

Porén, este dato de que o sector da agricultura e gandería non demanda estas axudas agroambientais é rotundamente falso. O Sindicato Labrego di que benefician ás granxas con modelos sustentables de produción que supoñen arredor de 4000 nas provincias de Lugo e Ourense. Estas subvencións supoñen un impulso importante para estas granxas que, no caso do sector vacún de carne, axudan á supervivencia das mesmas, sempre moi vencelladas ao territorio, e que se conxelarán a partir do ano 2021 mentres dure a reforma da Política Agraria Común.

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego xa sinalara da paralización destas axudas agroambientais, nos anos 2020 e 2021 desde que comezou a reforma da PAC, que a Xunta, a través da Consellería de Medio Rural podía adiantar tal e como aconteceu noutras comunidades, como en Castela e León na que se creou unha partida de 56 millóns de euros.

Ademais, esta política de recorte contrasta con que non se gasten os cartos orzamentados, como no caso de AGADER, axencia dependente da Consellería de Medio Rural, na que non se gastaron os cartos que había dispoñibles, para unha axencia que conta entre os seus programas a de promoción e fixación de persoas no rural, e desenvolvemento económico ligado ao campo e aos sectores produtivos que nel se desenvolven.

Dende En Marea pedímoslle á Xunta da Galicia que cree unha partida de axudas agroambientais con carácter bianual, para as explotacións galegas, que adiante a subvención que despois se percibe coa PAC e manter esta liña de axudas no tempo, que execute as accións para consolidar liñas de negocio e economías circulares que se crean nas aldeas e concellos nas que se asentan as explotacións e que repercutirá no incremento da fixación da poboación que vive nas aldeas, así como executar liñas de acción arredor das explotacións, nas contornas rurais, para expandir as mesmas, mellorando e impulsando o acceso a venda en liña e as ferramentas TIC para consolidar eses mercados e xerando economía de valor engadido relacionada con eses produtos.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.