Nas zonas do interior de Galiza consérvanse as mellores representacións dos soutos mansos galegos, plantacións monoespecíficas de castiñeiros enxertados con variedades de froito de calidade, un deles é o de Rozabales, no que medran exemplares de incribles dimensións, cunha fisionomía moi semellante á de todos os castiñeiros vellos e demoucados de Galicia.

O Souto de Rozabales, é Monumento Natural, declarado pola Xunta de Galiza no ano 2000 e nel, atopase o castiñeiro de Pumbariños, o castiñeiro coñecido máis antigo do país.

Estas son algunhas das figuras de protección das que goza este espazo:

  1. Zona de Especial Protección dos Valores Naturais “Macizo Central”.

  2. Zona especial de conservación (ZEC) “Macizo Central”.

  3. Formación senlleira “Souto de Rozavales” e árbore senlleira “Castiñeiro de Pumbariños”, do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras (Decreto 67/2007, do 22 de marzo e Decreto 10/2015, do 22 de xaneiro). Ver documentos relacionados.

Este souto, constitúe unha mostra exemplar do tipo de bosques explotados secularmente por campesiños e campesiñas galegas para a obtención de castañas e madeira (soutos). Os soutos, un dos elementos fundamentais do noso patrimonio cultural e natural, representan un ecosistema agrosilvopastoral en equilibrio e posúen unha gran biodiversidade, incluíndo a presenza de elementos de fauna e flora dun gran valor

Neste souto encóntranse exemplares de castiñeiro (Castanea sativa) de gran lonxevidade (algún de máis de mil anos) e extraordinaria beleza, auténticos monumentos vexetais. Como exemplar sobresaínte debe citarse pola súa singularidade o coñecido como ”Castiñeiro de Pumbariños”, cuxo perímetro alcanza case os 13m.

O estado actual no que se atopa este souto é lamentable, estando os castiñeiros afectados en elevado grado pola avespiña do castiñeiro e polo chancro, e levando anos sen ser sometido a ningunha clase de poda.

Aparte disto, a falta de limpeza no souto, propiedade da administración autonómica, fai que a maleza creza entre os castiñeiros, elevando así o risco de propagación de incendios forestais nun concello con alta actividade incendiaria.

Pedímoslle a Xunta de Galiza, que elabore un plan anual de mellora e mantemento deste souto propiedade da mesma e patrimonio natural de tódolos galegos e galegas, así como destinar de forma urxente unha partida económica suficiente para facer os traballos de demouca, roza, vacinación contra o chancro do castiñeiro e a solta de Torimus Sinensis para combater a avespiña neste souto.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.