Babcock, antiga Inaer, empresa lider en salvamento e operacións contra incendios da Xunta, adicada en exclusiva aos servizos de emerxencias en Galicia a través da contratación permanente de helicópteros, é a concesionaria cabeceira dos últimos anos no territorio galego.

En febreiro de 2018, a CIG denunciara o incumprimento reiterado por parte da empresa Babcock das prescricións técnicas do servizo, polo que solicitara á Consellería de Medio Rural a cancelación do concerto con Inaer Galicia, actualmente Babcock.

Pedira tamén explicacións a Medio Rural sobre o motivo polo que o helicóptero modelo B3 con matrículo EC-KZL, pertencente á empresa Babcock, estaba aparcado na base pública de Queimadelos, situada no concello de Mondariz (Pontevedra), cando xa rematara a tarefa para a que fora contratado.

Trala vaga de lumes que arrasou Galicia en outubro de 2017, En Marea denunciou en numerosas ocasións o desmantelamento continuo do servizo de loita contra incendios en Galicia. Como exemplo, narrábase a existencia dun helicóptero modelo Puma, na base de Toén (Ourense), que por contrato debía ter capacidade para transportar 2500 litros de auga e sen embargo so levaba 1700 litros.

Tamén se denunciara que os servizos de mantemento integral se estaban realizando no mesmo emprazamento no que se atopaba o helicóptero cando tiñan a obriga de realizalos nun hangar equipado.

Babcock xa estivo tamén no punto de mira do Consello de contas por presuntas irregularidades. Foi condenada o pasado mes de marzo pola Audiencia Nacional por simular préstamos para eludir impostos e sancións por máis de seis millóns de euros, que lle conlevaron unha sanción doutros tres millóns. Na sentenza reflictese que Inaer Aviation Spain SL simulou préstamos participativos que concederon os seus sociais para financiar a adquisición de participacións da propia empresa.

Agora, a concesionaria de helicópteros da Xunta leva un novo pao xudicial, ao desestimar o Tribunal Supremo o recurso de casación, polo que Babcock deberá pagar máis de nove millóns de euros.

En Primeira instancia, o fallo xudicial condenou á empresa por infracción na declaración do imposto de sociedades correspondentes aos anos 2007 e 2008 cunha contía de 6.059.636, 41 euros, derivada da débeda correspondente á liquidación dos exercicios anteriores, ademais de 3.220.763, 25 euros de sanción, xunto coas costas xudiciais. Babckok recurriu, pero a Sala do Contencioso do Tribunal Supremo, rexeitaba nun auto a admisión a trámite do recurso de casación presentado pola empresa.

Os feitos en cuestión remítense ao ano 2011, tras unha inspección de Tributos del Estado á empresa Inaer Aviation Group SL (actual Babcock), na que se demostrou como probado, entre outros aspectos, que durante o proceso da unión temporal de empresas (UTE), consideráronse, nesa sociedade, como gasto fiscalmente non deducible, os intereses procedentes de tres préstamos participativos nos que figuraba como prestataria dita entidade. Tamén se conceptuaban como simulados os préstamos participativos concedidos polos socios de Inaer Aviation Group SL ao obxecto de financiar a adquisición das participacións de Inaer Aviation Spain SL.

O Tribunal Supremo ven de despachar os argumentos da compañía ao non admitir a trámite o recurso, xulgando que carece de interese casacional e engadindo que a normativa vixente non deixa dúbidas de que “haberá de quedar excluída do grupo fiscal aquela entidade que ao peche do período impositivo se atope en situación de desequilibrio patrimonial, salvo que dita situación desaparecese o último día do período impositivo no que se aproben as contas anuais”.

Como xa ten denunciado En Marea en diversas ocasións, por parte da Xunta, estanse pagando favores a empresas privadas como Babcock, a pesar da reincidencia nos incumprimentos técnicos.

Dende a Xunta debería explicarse claramente cales son os motivos para seguir mantendo o contrato con esta empresa.

Por iso, dende En Marea pregunta no Parlamento de Galicia:

  1. Ten coñecemento a Xunta de qué helicópteros (especificando modelo e matrícula) traballaron en cada unha das bases do SPDCIF no ano 2018 e para qué capacidade de auga estaban contratados?.

  2. Ten constancia a Xunta do incumprimento do contrato por parte de Babcock no referente á capacidade de auga dos helibaldes, nomeadamente nos modelos Bell 412?.

  3. Por que contrata a Xunta cunha empresa que non cumpre coas súas obrigas tributarias, o que repercute, en última instancia, na calidade de vida da cidadanía en xeral e da galega en particular?.

  4. Motivará xustificadamente a Xunta o mantemento do contrato con Babcock, a pesares dos reiterados incumprimentos, constatados nas sentenzas da Audiencia Nacional e o Tribunal Supremo?.

  5. Manterá a Xunta contratos coa empresa, a pesares dos reiterados incumprimentos constatados?

Seguiremos informando!!!

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.