O deputado de En Marea no Parlamento Galego, Davide Rodríguez, a eurodeputada do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Lídia Senra;  e Jorge Lorenzo de En Marea Laza, presentaron hoxe en rolda de prensa en Ourense unha análise do impacto no patrimonio natural e cultural, na paisaxe e no medio rural das obras do AVE e outras actuacións na comarca de Monterrei.

Jorge Lorenzo introduciu a comparecencia esbozando algúns dos exemplos máis destacados da zona, salientando os reiterados episodios de contaminación dos ríos Cereixo e Támega, o cemento que arrodea un Ben de Interese Cultural (BIC) como é o Castelo de Monterrei ou o despilfarro do denominado Parque do Bosque Máxico, “que xa cambiou de nome tres veces, está sen construír e levou milleiros de euros dos fondos FEDER”.

Seguidamente o deputado Davide Rodríguez abondou na descrición deste escenario de abandono do noso patrimonio, subliñando que a contaminación por verquidos na zona de baño e recreativa de Laza na contorna do Támega véñense repetindo dende alomenos o ano 2013. “Isto contradí a versión da Consellaría, que no seu momento argumentou roturas temporais das balsas de contención, e inda a día de hoxe fican sen resposta reiteradas denuncias de organizacións ecoloxistas. No ano 2015 ADEGA fixo analíticas que revelaron a presenza de materiais pesados propios de actividades mineiras”.

Esta situación, proseguiu Rodríguez, foi denunciada tanto pola veciñanza como por distintas organizacións sociais. “Dende En Marea tamén temos alertado moitas veces destes feitos e demandamos medidas de protección e o restablecemento dos danos. Ademais, resulta moi preocupante comprobar como malia que o persoal técnico da Confederación Hidrográfica do Douro recollen mostras, investigan, pero nunca temos constancia de sancións ou da posta en marcha de medidas para facer fronte a esta contaminación reiterada”.

Outro aspecto que está a preocupar na comarca son os estragos vinculados ás obras do AVE, que afectan de xeito moi negativo a estradas da contorna de Taboadela, Laza e Castrelo do Val debido ao paso continuado de camións de transporte pesado, incidindo nunha situación de inseguridade e molestias para a veciñanza das zonas rurais. “Preguntámonos por que ADIF non repara inmediatamente estes viais e se a Xunta é consciente dos perigos que se están a dar nestas estradas”.

“O que fica claro é que estas infraestruturas no rural, lonxe de traer riqueza ou asentar poboación o único que fan é estragalo. Cando rematen seguiremos igualmente con altas taxas de desemprego e inda por riba con graves impactos nas nosas contornas. Estes fondos estatais e europeos non se están aplicando axeitadamente para fixar poboación nun medio rural sostíbel”, concluíu o deputado de En Marea no Parlamento Galego.

A eurodeputada do GUE/NGL Lídia Senra, que enmarcou a súa intervención lembrando que este ano 2018 foi declarado pola Comisión Europea e o Consello como Ano Europeo do Patrimonio Cultural, reiterou unha vez máis a súa preocupación pola laxitude ca que se están a conceder as avaliación de impacto ambiental vinculadas a este tipo de infraestruturas.

Amosando unha imaxe na que se podía ler un cartel informativo das obras do AVE cofinanciado pola UE, criticou que estas actuacións “máis que un xeito de “facer Europa”, como di esta propaganda, están a ser un modo de desfacer Europa”. En coherencia co énfase cada vez maior que a Unión Europea está a facer no coidado do medioambiente, incidiu,“non se deberían dar por válidas avaliación de impacto ambiental que crean estas desfeitas”, e cualificou esta situación de “tomadura de pelo á sociedade”.

A eurodeputada galega explicou tamén que da declaración por parte do Consello e a CE do no 2018 como Ano Europeo do Patrimonio despréndese que os estados membro teñen que asumir os compromisos de protección e sensibilización derivados da mesma, que abarcan non só monumentos, senón tamén á paisaxe ou os coñecementos e expresións da creatividade humana. “Non podemos deixar que as autoridades galegas, estatais ou municipais, estean a desentenderse das súas respectivas competencias eludindo a súa responsabilidade no coidado do patrimonio. Logo éncheselles a boca con declaracións, pero non fan nada para evitar que sucedan ataques contra o noso patrimonio como os que estamos a denunciar aquí hoxe”.

Senra apelou ao “grande valor social, medioambiental e económico” que o patrimonio ten para a sociedade europea, e instou a aproveitar as posibilidades ao abeiro da declaración do 2018 como Ano do Patrimonio Europeo para potenciar a importancia de protexer a diversidade cultural e esixir ás institucións que se impliquen na súa protección e mantemento. “Gustaríame que as autoridades locais e galegas empregaran os recursos activados con esta declaración para crear conciencia, e moitas veces comezando polas propias autoridades locais, porque ás veces parece que non se ten nin idea do valor que ten o patrimonio”. Neste sentido, a eurodeputada galega avanzou que vai solicitar á Unión Europea un informe no que se detallen as actuacións realizadas na Galiza no marco do Ano Europeo do Patrimonio Cultural.

Asemade, seguirá a traballar en Bruxelas na liña de pór sobre a mesa a dubidosa validez de certas avaliacións de impacto ambiental, demandar un seguimento exhaustivo do emprego de fondos como os FEDER e solicitar unha valoración da Comisión Europea con respecto ao impacto que están a ter as obras do tren de alta velocidade.

Por último, retomando o exposto por Davide Rodríguez e Jorge Lorenzo en relación á contaminación no río Támega, Lídia Senra destacou a transcendencia de seguir a traballar para que a UE obrigue ao Estado español a cumprir as directivas comunitarias relativas á calidade das augas. “Temos que tomar consciencia da gravidade desta situación. As augas contaminadas supoñen un envelenamento sistemático da poboación. Afectan aos alimentos que plantamos, á auga que bebemos, á auga ca que nos lavamos… A UE ten competencias para protexer as augas, imos presionar todo o posíbel para que deixe xa de mirar para outro lado”.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.