O deputado de En Marea, xunto coa deputada Paula Quinteiro, presentou no pleno do Parlamento celebrado hoxe unha iniciativa instando á Xunta a tomar medidas para compensar as perdas desta campaña no sector.

Tralo abandono manifesto dende os anos 80, na actualidade o da castaña é un sector emerxente na Galiza, principal Comunidade Autónoma en produción de castañas. Na campaña do 2016 superáronse os 20 millóns de quilos, o que se traduce nun valor estimado xerado que supera os 100 millóns de euros. Como contraste, trala campaña do ano pasado, a día de hoxe a produción de castañas non está garantida, ao minguar a campaña preto dun 70%.

Esta redución foi consecuencia de seca, xeadas, pedrazo e vespa do castiñeiro, cuestións todas que dende En Marea xa se levaban advertindo varios meses, mentres a Consellería de Medio Rural miraba para outro lado.

A avespiña do castiñeiro está ocasionando serios danos económicos na produción de castaña, así como sobre o patrimonio natural dos soutos centenarios do oriente de Galiza. Para facer fronte a esta problemática, o Partido Popular, tras varios meses atrás votar en contra dunha iniciativa de En Marea para loitar contra esta praga, aproba agora unha idéntica.

A Consellería tampouco tomou medidas efectivas para facer fronte ao chancro do castiñeiro. O tratamento que están levando a cabo é erróneo e contraproducente.

Dende En Marea tamén se cuestionaron dende o primeiro momento as liñas de axudas que a Xunta estaba a sacar para paliar os danos pola seca, sarabia ou xeadas, ao non axustarse á realidade que padecen produtoras, gandeiras, labregas, etc. O que precisan son axudas directas, non máis endebedamento.

Por outra banda, a superficie agraria en Galiza reduciuse, así como o número de explotacións, pero todo isto, tal e como afirmou hoxe no Parlamento Davide Rodriguez, “ao Partido Popular e ao actual Goberno da Xunta non lles interesa e prefiren seguir facendo propaganda e vendendo fume”. Así presentaba o deputado de En Marea a súa iniciativa, na que instaba á Xunta a facer un estudo real das perdas producidas por mor das inclemencias meteorolóxicas, chancro e avespiña do castiñeiro; manter unha xuntanza cos diferentes axentes implicados no sector para avaliar os danos e fixar cantidades a indemnizar e habilitar unha liña de axudas específicas e directas para paliar as enormes perdas sufridas.

Dende En Marea agardaban que se lle puxera remedio pronto a esta situación, mais o voto en contra do PP á iniciativa presentada por Rodríguez fai prever que o goberno de Feijoo prefire que o sector, e por extensión o rural galego, continúe agonizando e esmorecendo.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.