Hoxe, no parlamento galego debateuse a toma en consideración dunha proposición de lei por iniciativa lexislativa popular para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais.
 
Despois de ver esta primeira revisión do Plan Forestal de Galicia detéctanse omisións e deficiencias en relación á política do Eucalipto, que lastran a creación da figura de monte multiprodutivo, e óbvianse outras oportunidades de desenvolvemento forestal ligadas ao incentivo de masas caducifolias autóctonas, ou outros usos tradicionais e respectuosos co medio.
 
No texto do PFG non se fala de que nas últimas décadas rexistrouse unha grande expansión do eucalipto no noso país, superando as 500.000ha, nin da relación entre o aumento imparable do eucalipto o mesmo tempo que se perde Superficie Agraria Útil, nin se blinda a protección das masas autóctonas caducifolias e presentan un borrador onde se observa un 8% de incremento de superficie de eucalipto e un 26% de masas mixtas, nin existe unha verdadeira intención de crear outro tipo de monte, ou outras actividades fora de ENCE
 
As súas políticas tiveron o efecto contrario, desertizando e esnaquizando non solo o noso medio ambiente, senón a Galiza social e económica.
 
Promotores desta iniciativa: trouxestes a esta cámara unha bocanada de aire fresco diante das políticas asfixiantes da Xunta de Galicia no que atinxe os nosos montes. Fostes quen de abrir o conxunto da sociedade galega, algo que o goberno galego quería agochar. Fostes quen de propor un cambio de rumbo cara unha mellora na economía e no medio natural galegos e no benestar social das e dos que vivimos nel.
 
Grazas a Adega, CIG, ORGACCMM,Verdegaia, Sindicato Labrego Galego, FRUGS, Amarelante S Coop Galega e decenas de entidades que promoveron este manifesto o traballo feito. O trámite non pasou o contar solo cos votos a favor de En Marea e BNG, mais a iniciativa non caeu en saco roto.
 
Só desta maneira poderemos planificar un monte e un rural vivos fronte ós intereses especuladores e depredadores do noso territorio e do noso futuro.
 

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.