SEAGA é unha empresa pública creada pola Xunta de Galiza para a realización, como medio propio da Administración galega, e ao seu servizo, de todo tipo de actuacións, obras, traballos e prestacións de servizos en materias forestais, especialmente as relacionadas coa prevención e loita contra os incendios forestais en particular e, en xeral, intervencións de carácter urxente relacionadas cos lumes forestais.

No dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais conviven diversos actores, pero á hora do ataque directo na primeira liña de lume atópase o persoal que dirixe as tarefas (axentes e técnicos fundamentalmente) e o persoal que se enfronta ás lapas: brigadas contratadas directamente pola Consellería de Medio Rural, brigadas dos concellos, o SPDCIF, e brigadas contratadas a través da empresa pública SEAGA.

Non existe diferenza ningunha entre estes tipos de traballadores e traballadoras á hora da extinción dos lumes forestais, están baixo o mesmo mando e actúan conxuntamente.

Pero si existen varias diferenzas previas posteriores:

  • O persoal contratado directamente pola Consellería está incluído no V Convenio Colectivo do Persoal Laboral da Xunta de Galicia.
  • O persoal contratado a través de SEAGA non ten convenio nin se lle aplica o V Convenio. Aplícaselle o Estatuto dos Traballadores excepto, curiosamente cando se trata de reducir o salario pola aplicación dos recortes salariais aos empregados públicos.
  • Os salarios dos traballadores de SEAGA son inferiores aos do persoal contratado directamente no SPDCIF
  • Non se lles recoñece o tempo traballado en SEAGA para acceder ás listas de contratación da Xunta de Galicia.
  • Aos traballadores de SEAGA a empresa obrígaos, mediante un protocolo imposto que denunciaron ante a inspección de traballo, a realizar na mesma xornada tarefas de prevención e extinción, co risco que isto supón para a seguridade e a merma de efectividade na extinción dos lumes. Teñen constatadas xornadas laborais de 4 horas de traballo de prevención, máis 8 de extinción.

En resumo, realizan as mesmas funcións que os seus compañeiros e compañeiras do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais (SPDCIF), pero cobran menos, teñen menos dereitos, teñen contratos de menor duración, teñen que realizar tarefas de prevención e extinción na mesma xornada e ademais non se lles recoñece o tempo traballado.

Poñémonos a disposición das compañeiras e compañeiros de SEAGA. Non vos imos deixar sós nin soas ante o desleixo e o menosprezo da Xunta de Galiza con vos e co voso traballo.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.