SEAGA é unha empresa pública creada pola Xunta de Galiza no ano 2006 para a realización, como medio propio da Administración galega, e ao seu servizo, de todo tipo de actuacións, obras, traballos e prestacións de servizos en materias forestais, especialmente as relacionadas coa prevención e loita contra os incendios forestais en particular e, en xeral, intervencións de carácter urxente relacionadas cos lumes forestais.

No dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais conviven diversos actores, pero á hora do ataque directo na primeira liña de lume atópase o persoal que dirixe as tarefas (axentes e técnicos fundamentalmente) e o persoal que se enfronta ás lapas: brigadas contratadas directamente pola Consellería de Medio Rural e brigadas contratadas a través da empresa pública SEAGA.

Non existe diferenza ningunha entre estes dous tipos de traballadores e traballadoras á hora da extinción dos lumes forestais, están baixo o mesmo mando e actúan conxuntamente.

Pero si existen varias diferenzas previas posteriores:

  • O persoal contratado directamente pola Consellería está incluído no V Convenio Colectivo do Persoal Laboral da Xunta de Galicia.
  • O persoal contratado a través de SEAGA non ten convenio nin se lle aplica o V Convenio. Aplícaselle o Estatuto dos Traballadores excepto, curiosamente cando se trata de reducir o salario pola aplicación dos recortes salariais aos empregados públicos.
  • Os salarios dos traballadores de SEAGA son inferiores aos do persoal contratado directamente. Non se lles recoñece o tempo traballado en SEAGA para acceder ás listas de contratación da Xunta de Galicia.
  • Aos traballadores de SEAGA a empresa obrígaos, mediante un protocolo imposto que denunciaron ante a inspección de traballo, a realizar na mesma xornada tarefas de prevención e extinción, co risco que isto supón para a seguridade e a merma de efectividade na extinción dos lumes. Teñen constatadas xornadas laborais de 4 horas de traballo de prevención, máis 8 de extinción.

En resumo, realizan as mesmas funcións que os seus compañeiros e compañeiras do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais (SPDCIF), pero cobran menos, teñen menos dereitos, teñen contratos de menor duración, teñen que realizar tarefas de prevención e extinción na mesma xornada e ademais non se lles recoñece o tempo traballado.

Desde os Comités de Empresa e a título individual, os traballadores-as denunciaron e gañaron sentenzas que lles recoñecen dereitos do V Convenio único do Persoal Laboral da Xunta de Galicia, están agardando resolución da Inspección de Traballo polo protocolo que lles obriga a duplicar tarefas e están demandando ante a dirección de SEAGA e ante Función Pública que se lles aplique a disposición transitoria sexta da LOFAXGA, que di:

“En relación co persoal regulado no título III desta lei cuxo réxime xurídico lle asigne retribucións inferiores ás establecidas no convenio colectivo do persoal da Xunta de Galicia para as correspondentes categorías procederase, nun prazo de dous anos desde a aprobación desta lei, a negociar coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos a aplicación do convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia”.

Esta lei é a 16 / 2010 de 17 de decembro, co cal van case 5 anos desde a súa aprobación.

Dende En Marea presentamos unha Proposición non de lei para o seu debate en pleno na que instamos a Xunta a:

  1. Aplicar unha subrogación ás traballadoras e traballadores de Seaga incluíndo a estas e a estes no SPDCIF.
  2. Recoñecer o tempo traballado en SEAGA, tres meses por ano (tempada máximo risco) á hora de acceder ás listas de contratación da Xunta de Galicia.
  3. Reunirse de forma urxente co Comité de Empresa de SEAGA

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.