A construción da nova cidade deportiva do Real Club Celta de Vigo no monte veciñal e comunal de Tameiga, pertencente ao concello de Mos, Vigo, xunto cun centro comercial de grandes dimensións xerou protestas e mobilizacións entre a veciñanza do lugar e que deu lugar a creación dunha plataforma, que xa se posicionou desde o primeiro momento en contra, tanto do centro comercial como da cidade deportiva.

Así, a primeiros deste ano 2018, as novas daban conta da ocupación que afecta a 820.000 metros cadrados de superficie, das que 240.000 terían uso deportivo, 140.000 a área comercial e 5.000 prazas de aparcadoiro, e 330.000 nas que se construirá mediante reforestación un espazo natural de ocio.

Así a maior parte do monte quedaría en mans do Celta de Vigo, que pretende rentabilizar as instalacións deportivas coa construción dun centro comercial unha expropiación por parte dunha entidade privada de terreos a unha comunidade de montes en man común para o seu lucro persoal.

Os grandes centros comerciais afectan de xeito negativo ao pequeno comercio, formado na maior parte por autónomos e pequenas tendas do conxunto da área urbana das zonas colindantes. Así, todas as zonas comerciais de Bouzas, Calvario, Centro de Vigo, Teis, Casco Vello, Universidade e das Travesas da zona se resentirían, e tamén as dos concellos colindantes, amén de causar estragos no medioambiente sobre todo no referente aos recursos forestais da zona, nun proxecto cualificado de “baixo impacto medioambiental e non afección aos recursos hídricos”, é importante sinalar que ambos si que se verían afectados, máxime na construción e mantemento das instalacións deportivas (12 campos de fútbol).

O consumo medio de auga nun campo de fútbol en campo natural require dun caudal medio de 1l/s, por cada hectárea a regar. Este caudal, 1l/s supón 86.4 m3/día e 1m3 = 1.000 litros. Un campo ten aproximadamente 6.000 m2 de área (0,6 has) require 52.000 litros/día. Isto equivale ao consumo diario de auga de 380 persoas.

Nos campos de fútbol de campo artificial require 900 litros, o equivalente ao consumo diario de 7 persoas.

O gasto en auga é evidente. As comunidades de augas de Petelos-Tameiga se han uníronse as de Casal, Sanguiñeda e Baxiña. 4 das 6 comunidades de augas xa mostraron a súa oposición á construción da zona comercial do Celta.

Porén, as diferentes instalacións de ocio e deportivas terán que contar con recursos de auga, que xa no ano pasado por estas datas se manifestará insuficiente, nun ano de seca, que serán recorrentes nas zonas máis cálidas como é toda a comarca do sur de Pontevedra.

Ademais destes inconvenientes, sinalar tamén a afección en canto a ruído da zona, posto que se incrementará a afluencia de vehículos, o aumento dos niveis de contaminación no aire e no medio ambiente por extensión.

Por todo isto, En Marea pide no parlamento galego:

1.- Non aprobar a modificación puntual do planeamento do Concello de Mos coa que se pretende facilitar a realización do proxecto deportivo e comercial.

2.-Potenciar o pequeno e mediano comercio e a súa conservación e expansión.

3.-Manter os terreos coa vocación forestal e de lecer para que funcionalmente faga parte do pulmón verde de Vigo, Mos e a súa área metropolitana

4.-Aprobar e publicar a estratexia para a execución da Infraestrutura Verde de Galicia.

5.-Aprobar as directrices do paisaxe.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.