En Marea preguntará no pleno do parlamento polas medidas que ten pensado acometer a Xunta de Galicia para protexer os postos de traballo da empresa Unitono.
A precariedade atravesa o conxunto do sector do telemarketing. Este caracterízase polos baixo
s salarios, por altas taxas de rotación, e ademais pola ameaza constante de posibles despedimentos.
As razóns son múltiples, pero sen dúbida unha das destacables é a deslocalización, empregada polas empresas para abaratar aínda máis os custes a costa dos dereitos laborais.
A empresa Unitono, situada no Parque Tecnolóxico de Ourense, no Polígono de San Cibrao de Viñas, que conta con 130 traballadores e traballadoras no seu cadro de persoal, non quere comprometerse nin garantir a estabilidade do traballo no centro de Ourense.
A ameaza de peche deste centro percíbese polas traballadoras pola perda de funcións e pola baixada de chamadas que están observando, debido á apertura doutras plataformas fóra de Galicia.
Isto faino coa complicidade de Naturgy, que é a empresa para a que se prestan os servizos, e que, non podemos esquecer que se lucra da explotación dos nosos recursos naturais.
O cadro de persoal de Unitono xa se reduciu nos últimos tempos, xa que chegou a estar composta por 250 persoas. Ademais, no ano 2013, a empresa atravesou dificultades que remataron con un ERTE.
Nos últimos 10 anos o servizo de atención telefónica ao cliente de Naturgy estívose xestionando desde a plataforma en Ourense. A única lóxica para rematar con isto é a de abaratar custos, tendo como consecuencia a destrución de emprego, nunha zona que xa ten unha porcentaxe de paro moi elevado.
Unitono está facendo todo isto de maneira opaca e sen trasladar a información necesaria á representación dos traballadores, algo que xa solicitaron en reiteradas ocasións.
A deslocalización impediría tamén que a atención se puidera proporcionar na nosa lingua, algo que debe terse en conta á hora de defender o emprego no País. Ante esta nova ameaza, que se suma a problemática do sector, urxe tomar medidas.
Outra das causas deste modelo baseado na precariedade son as últimas reformas laborais que supuxeron a perda de dereitos para os traballadores e traballadoras e facilitaron a redución de salarios, os despedimentos e a inestabilidade.
Por iso, dende En Marea preguntaremos:
- Que medidas vai tomar a Xunta de Galicia para reverter a situación de precariedade e inestabilidade que viven as traballadoras e traballadores do sector do telemárketing?
- Ten pensado realizar algún estudo para avaliar a problemática do sector do telemarketing?
- Tivo contactos coa representación das traballadoras de Unitono? E coa propia empresa e con Naturgy? Con que resultados?
- Que medidas vai levar adiante para evitar a deslocalización e a posible perda de postos de traballo?
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2019.