A Plataforma ProCAPD de Ourense segue loitando pola creación dun centro público que garanta a cobertura das necesidades educativas das persoas con diversidade funcional, maiores de 21 anos, pois Ourense é a única provincia que non conta cun recurso destas características. Dende En Marea sempre se asumiron as xustas reivindicacións da Plataforma ProCAPD, difundindo e levando en diversas ocasións iniciativas ao Parlamento de Galicia e tamén participando nas rúas nas mobilizacións convocadas.

Despois de case tres anos, a Conselleira de Política Social, Fabiola García, falaba este martes, na comparecencia de presentación do Centro de Atención a Persoas Discapacitadas (CAPD) na delegación provincial da Xunta, dun “proxecto moito máis longo co desexable” mentres as nais e pais integrantes da Plataforma cualificano como un proxecto cheo de dúbidas, prazos e peticións incumpridas.

Así, a Conselleira explicou que o proxecto contempla un total de 110 prazas (80 de carácter residencial e 30 en centro de día), levando aparellada a creación de 46 empregos. Refire así que o centro garantirá “un servizo da mellor calidade”.

A rateo de persoas non convence ás familias afectadas, igual que o feito de que a Conselleira non disipara de xeito taxante as dúbidas sobre se o centro será xestionado ou non de forma pública.

As familias afectadas coñecerán este venres de primeira man o proxecto de construción definitivo. A Plataforma insta á Consellería de Política Social a detallar se cando se licite a obra convocarán tamén as prazas de persoal que traballará no centro, en alusión a se haberá empregos fixos ou se tratará dunha concesión.

Nun desprezable exercizo de cinismo, García aludiu na comparecencia a que garantía que “se prestará o mellor servizo e de calidade, que é o que precisan as persoas con discapacidade e demandan as súas familias”. Non aportou máis datos, nin no relativo ao laboral, nin ao de xestión.

Ante esta nova falta de respecto da Xunta cara as familias e a sociedade ourensá en xeral, dende En Marea veñen de rexistrar unha pregunta no Parlamento de Galicia para tentar clarexar as cuestións prantexadas pola Plataforma ProCAPD e non respostadas pola responsable da Consellería de Política Social, poñendo de manifesto unha clara deixación de funcións das súas responsabilidades.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.