O deputado de En Marea, Davide Rodríguez, foi o encargado de defender unha proposición non de lei na sesión plenaria desta tarde no Parlamento de Galicia en favor das traballadoras e traballadores de SEAGA. Rodríguez lembrou que SEAGA é unha empresa pública creada pola Xunta para a realización, como medio propio da Administración galega, e ao seu servizo, de todo tipo de actuacións, obras, traballos e prestacións de servizos en materias forestais, especialmente as relacionadas coa prevención e loita contra os incendios forestais en particular e, en xeral, intervencións de carácter urxente relacionadas cos lumes forestais. No dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais conviven diversos actores, pero á hora do ataque directo na primeira liña de lume atópase o persoal que dirixe as tarefas (axentes e técnicos fundamentalmente) e o persoal que se enfronta ás lapas: brigadas contratadas directamente pola Consellería de Medio Rural, o SPDCIF, e brigadas contratadas a través da empresa pública SEAGA. “Non existe diferenza ningunha entre estes tipos de traballadores e traballadoras á hora da extinción dos lumes forestais, están baixo o mesmo mando e actúan conxuntamente” insistiu o deputado de En Marea.

Pero en canto a condicións laborais si existen diferenzas como que o persoal contratado directamente pola Consellería está incluído no V Convenio Colectivo do Persoal Laboral da Xunta de Galicia mentres que o persoal contratado a través de SEAGA non ten convenio nin se lle aplica o V Convenio. Aplícaselle o Estatuto dos Traballadores excepto, curiosamente cando se trata de reducir o salario pola aplicación dos recortes salariais aos empregados públicos.

Os salarios dos traballadores de SEAGA son inferiores aos do persoal contratado directamente no SPDCIF e non se lles recoñece o tempo traballado en SEAGA para acceder ás listas de contratación da Xunta de Galicia. Aos traballadores de SEAGA a empresa obrígaos, mediante un protocolo imposto que denunciaron ante a inspección de traballo, a realizar na mesma xornada tarefas de prevención e extinción, co risco que isto supón para a seguridade e a merma de efectividade na extinción dos lumes. Teñen constatadas xornadas laborais de 4 horas de traballo de prevención, máis 8 de extinción.

En resumo, realizan as mesmas funcións que os seus compañeiros e compañeiras do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais (SPDCIF), pero cobran menos, teñen menos dereitos, teñen contratos de menor duración, teñen que realizar tarefas de prevención e extinción na mesma xornada e ademais non se lles recoñece o tempo traballado.

Desde os Comités de Empresa e a título individual, os traballadores-as denunciaron e gañaron sentenzas que lles recoñecen dereitos do V Convenio único do Persoal Laboral da Xunta de Galicia, están agardando resolución da Inspección de Traballo polo protocolo que lles obriga a duplicar tarefas e están demandando ante a dirección de SEAGA e ante Función Pública que se lles aplique a disposición transitoria sexta da LOFAXGA, que di:
“En relación co persoal regulado no título III desta lei cuxo réxime xurídico lle asigne retribucións inferiores ás establecidas no convenio colectivo do persoal da Xunta de Galicia para as correspondentes categorías procederase, nun prazo de dous anos desde a aprobación desta lei, a negociar coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos a aplicación do convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia”.

Con esa resolución prorrogábanse automaticamente a encomenda ata a finalización do ano. Por outra banda, os contratos das traballadoras de SEAGA, resultaban ampliados de xeito tácito, ao seren contratos temporais con finalización de fin de obra. En principio dito fin de obra calculábase ata abril de 2019.

En xullo deste ano, as traballadoras foron despedidas por fin de obra, e no seu sitio realizan as labores traballadores de TRAGSA cuestión pola que o deputado de En Marea esixiu información ao goberno galego.

Así mesmo, o día 18 de setembro houbo unha xuntanza coa Dirección Xeral de Función Pública, a Consellería de Medio Rural e o Xerente de SEAGA. Función Publica convoca esta xuntanza a causa da perda da encomenda de extinción de incendios da empresa pública, que en vindeiros anos pasará a facerse a través do SPDCIF, por persoal propio da Consellería de Medio Rural. Isto derivará na contratación de aproximadamente 500 efectivos polas listas de contratación temporal do decreto 37/2006 modificado polo decreto 5/2007. Davide Rodríguez ante esta situación preguntouse se a perda desta encomenda por parte de SEAGA significará que a contratación do 100% do persoal pola Xunta algo que Función Pública di que posiblemente se faga así asegurando que seguramente estes 500 postos serían incluídos na RPT de Medio Rural.

Para o grupo de En Marea esta negociación do decreto debe incluír a outros colectivos e outros aspectos como os ámbitos dos chamamentos, a flexibilización das penalizacións, a valoración de servizos prestados como persoal laboral nos futuros procesos de funcionarización, ou consideración do tempo de traballo nas Administracións Públicas.

“Unha administración pública non pode permitir que parte do seu persoal estea nunha situación laboral como esta” afirmou Davide Rodríguez. Por todo isto, o grupo de En Marea defendeu unha proposición non de lei no pleno do Parlamento no que se insta a aplicar unha subrogación ás traballadoras e traballadores de Seaga incluíndo a estas e a estes no SPDCIF, recoñecer o tempo traballado en SEAGA, tres meses por ano (tempada máximo risco) á hora de acceder ás listas de contratación da Xunta, e reunirse de forma urxente co Comité de Empresa de SEAGA.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.