O grupo de En Marea rexistrou no Parlamento unha iniciativa para que a Xunta de Galicia se dirixa a Fomento para esixir unha mellora integral do estado do firme da N-540, así como a remodelación da súa sinalización para mellorar a seguridade viaria no conxunto da vía. Pídese ademais a urxente reforma e rehabilitación desta estrada nos tramos de Guntín e Ventas de Narón e entre Chantada e Taboada tal e como acordou a Comisión de seguridade vial do Congreso dos Deputados, así como a reforma e rehabilitación entre A Barrela e Chantada.

O deterioro e a falta de mantemento das estradas incrementan de forma considerable as posibilidades de accidente tal e como denunciaron a deputada Paula Vázquez Verao e o deputado Davide Rodríguez que puideron comprobar ´in situ` nunha visita a estrada. A circulación por estradas en mal estado supón un sobre esforzo, incrementa a fatiga das persoas condutoras, polo tanto un adecuado mantemento e conservación das estradas é fundamental para mellorar a seguridade vial e a prevención de accidentes. Foi unha constante dende a crise económica de 2008 a falta de mantemento da rede de estradas estatais no noso país, cunha drástica redución orzamentaria que provocou, na práctica, unha marxinación do mantemento en favor das novas construcións.

Sen ter en conta o sobre custo que supón para os usuarios circular por estradas en mal estado, xa que supón un deterioro maior dos vehículos que por elas transitan, para o grupo parlamentario de En Marea é necesario reformular esta situación para evitar riscos e sobre custos innecesarios: investir en conservación e aforrar a longo prazo.

En Galicia e na provincia de Lugo existen numerosos exemplos desta falta de mantemento das estradas estatais. Un deles é o lamentable estado da N-540, que une Lugo con Ourense como destacaron os deputados de En Marea. Trátase dun trazado complexo que non ten recibido apenas investimentos públicos nos últimos anos. En numerosos puntos, a estrada presenta un asfaltado totalmente deteriorado, mesmo nos carrís de incorporación e saída, así como falta de sinalización, sendo unha vía moi transitada, tanto por vehículos convencionais como por camións.

Existen situacións incomprensibles, como sinalizacións de dobre carril que indican que no carril rápido non se pode circular a menos de 70 quilómetros/hora e sinalizacións xenéricas que limitan a velocidade máxima en todo o tramo a 80 quilómetros/hora, ou mesmo a 50. “A situación de inseguridade da vía é tal que moitos usuarios optan por trazados alternativos, máis longos, pero que lles producen maior seguridade, como é utilizar a alternativa de Monforte, polo corredor CG-2.2” salientou Paula Vázquez Verao.

Cabe lembrar que o 22 de xuño de 2017, a Comisión de Seguridade Vial do Congreso aprobou unha proposición non de lei de En Marea para que o Ministerio de Fomento efectuase actuacións de reforma e rehabilitación na N-540 este ano nos tramos situados entre Guntín e Ventas de Narón, e no tramo que vai entre Chantada e Taboada, que a día de hoxe están sen realizar.

A veciñanza de Guntín denuncia continuamente o perigo da curva situada á saída da localidade e son frecuentes os accidentes que se producen na zona. Tamén en Chantada son habituais as queixas polo lamentábel estado da variante de Chantada, con 7 quilómetros de pavimento desgastado, cada vez máis deteriorado. Mesmo se sinalizou recentemente con sinais de perigo por proxección de grava.

Nunha resposta a En Marea, o Goberno afirmou que na N-540 non se identificou ningún Tramo de Concentración de Accidentes, cando é un área de alta sinistralidade. De feito, en outono de 2015 houbo unha sucesión de accidentes, cunha persoa morta e 11 feridos nun intervalo de 18 días. Noutra resposta do Congreso a En Marea, o propio Ministerio de Fomento recoñece que “na provincia de Lugo, o Ministerio de Fomento ten identificado varios tramos da N-540, nos que o estado do firme aconsella a realización de actuacións”, sen embargo, o Ministerio de Fomento non concreta nin as actuacións concretas a realizar nin os prazos.

Por todo o exposto, o Grupo Parlamentar de En Marea, rexistrou unha  proposición non de lei para o seu debate en Pleno no que se insta á Xunta de Galicia a:

  1. Dirixirse ao Ministerio de Fomento para esixir unha mellora integral do estado do firme da N-540, así como a remodelación da súa sinalización para mellorar a seguridade viaria no conxunto da vía.

  2. Dirixirse ao Ministerio de Fomento para esixir a urxente reforma e rehabilitación da N-540 nos tramos entre Guntín e Ventas de Narón e entre Chantada e Taboada, tal e como acordou a Comisión de Seguridade Vial do Congreso dos Deputados.

  3. Dirixirse ao Ministerio de Fomento para esixir a urxente reforma e rehabilitación da N-540 entre A Barrela e Chantada.

 

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.