Vimos de rexistrar unha Proposición non de Lei para o seu debate en pleno relativa á problemática da seca, que afectou significativamente á provincia de Ourense.

A da seca é unha situación que desde En Marea xa se ten traballado, tanto directamente cos/as diversos/as axentes afectados/as (agricultores/as, produtores/as, veciñanza…) como presentando diversas iniciativas no Parlamento galego.

Apuntan desde a formación que se levan encadeando cinco estacións consecutivas con precipitacións por baixo da media, o que se traduce nunha seca que está causando severos problemas de abastecemento de auga a moitos municipios, sobre todo na provincia de Ourense, problemas que se deberan ter previsto con anterioridade, posto que Galicia leva en prealerta desde fai nove meses, mais non foi así, e o goberno da Xunta non tomou medidas en todo ese tempo nin para evitar que a ausencia de choiva causara estragos ás familias e negocios, xerándolles unha maior situación de risco, nin para combater con maior contundencia o cambio climático (o que implicaría unha ambiciosa estratexia de futuro, na que semella non están dispostos a traballar).

Como xa ten denunciado En Marea en numerosas ocasións, as precipitacións, as xeadas e a seca estragaron numerosas colleitas, chegando a mingualas nalgúns casos ata o 50%, e obrigaron a moitos/as gandeiros/as a empregar forraxe que estaban gardando para o inverno ao non haber pastos abondo en moitas zonas de Galicia.

Agora que a Xunta anunciou que decretará alerta por seca en polo menos 6 das 19 cuncas da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, en En Marea entende que é o momento de que se repare o feito mal ate agora e se pacten medidas a adoptar no futuro.

Por elo, en nome de En Marea, Davide Rodríguez e Paula Quinteiro presentaron esta Proposición non de Lei, na que solicitan ao Parlamento galego que inste á Xunta a constituír unha mesa de diálogo cos/as axentes afectados/as pola seca para debater propostas que permitan paliar os seus danos e deseñar estratexias que permitan abordar situacións similares nos anos vindeiros.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.