O ano pasado, durante a fin de semana da vaga de lumes que asolou Galicia entre o 14 e o 16 de outubro, a Xunta confirmou que un total de 17 focos dos máis de cen incendios activos na Comunidade Autónoma atopábanse en “Situación 2”, o segundo nivel de emerxencia máis alto, é dicir, que ameazaban núcleos de poboación

Segundo o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA), a “Situación 2” defínese como unha situación de emerxencia provocada por un ou varios incendios forestais que, na súa previsible evolución, poden afectar gravemente á poboación e aos bens de natureza non forestal, e que esixa a adopción inmediata de protección e socorro. Pode ser necesario que, á solicitude do órgano competente da Comunidade Autónoma, sexan incorporados medios extraordinarios ou que poden comportar situacións que deriven cara ao interese nacional.

O Plan activarase en Situación 2 cando a cualificación veña motivada pola afección á poboación e aos bens de natureza non forestal (vías principais de comunicación e redes principais de subministración) e sexa necesario adoptar medidas de protección dirixidas á poboación, tales como evacuación e/ou albergue.

A problemática dos núcleos rurais de poboación, situados en zonas forestais, caracterízase por unha dobre perigosidade: por unha banda polo risco de xerar incendios forestais e pola outra banda o perigo de ser afectados por eles. Este carácter bidireccional existente entre o monte e as persoas viuse incrementado nas últimas décadas debido ao abandono progresivo das terras de cultivo que habitualmente se situaban na periferia destes núcleos de poboación, impedindo o contacto directo entre as vivendas e o monte. Ao desaparecer en moitas zonas a actividade agrícola, a discontinuidade monte-casas descendeu, polo que hoxe en día existe un contacto directo entre o monte e as vivendas ao longo do noso territorio.

Debido a isto, hai que ter presente que estas zonas habitadas incrementan o risco de orixinar un incendio forestal, a causa das diferentes actividades que nelas se realizan, polo que as persoas que viven nestas zonas, non so deben aumentar a precaución para non xerar ningún incendio, senón que tamén deben ser conscientes de que o lume pode chegar ata os seus fogares dende o exterior, supondo un elevado risco para as familias, as vivendas e os bens.

De aquí despréndese a importancia do concepto de Autoprotección, posto que as propias zonas habitadas teñen unha tarefa prioritaria e fundamental no ámbito da defensa contra incendios forestais.

As principais bazas para conseguir a autoprotección son un mantemento axeitado da vexetación que cree espazos defensivos adecuados ao entorno, unha boa rede de hidrantes, liñas de defensa húmidas e unha correcta sinalización da rede viaria.

A autoprotección debe implicar de forma conxunta tanto ás diferentes institucións e organismos públicos como á veciñanza de cada zona na defensa dos terreos forestais, vivendas e vidas humanas.

Cómpre prestar unha especial atención á formación e á concienciación da poboación en xeral, con mensaxes preventivos e pautas de actuación en diferentes situacións, realizando sesións informativas sobre medidas de autoprotección, colocando planos con itinerarios de evacuación ou confinamento en caso de incendio ou emerxencia, etc.

Tamén é de especial importancia a realización de simulacros de confinamento e evacuación dos núcleos poboacionais no rural ante incendios forestais, para fomentar na poboación hábitos de resposta que axuden a mitigar os riscos xerados polos lumes, ademais de motivar á veciñanza para que leven a cabo esas accións de resposta con organización e coordinación, de maneira que se transformen en actores conscientes da súa propia seguridade. Os simulacros de evacuación serven tamén para probar o funcionamento e coordinación dos diferentes dispositivos implicados no operativo, co fin de estar preparados para actuar en caso de incidencia real.

Por todo isto, En Marea solicita no parlamento galego:

  1. Implementar un Plan de Autoprotección para os concellos rurais de Galicia, no que se estuden e teñan en conta, ademais das especificidades de cada concello, a xerarquía de itinerarios de emerxencia, áreas de confinamento planificado, fases da evacuación, orde e destino dos evacuados, planificación do confinamento, etc.

  2. Realizar periodicamente simulacros de confinamento e evacuación, tendo en conta a súa planificación, participantes, escenarios, recursos necesarios, avaliación, etc. nos que participen os diferentes dispositivos que interveñen neste tipo de emerxencias.

  3. Tomar as medidas oportunas para que tódolos núcleos poboacionais do rural conten cunha rede de hidrantes que empregar en caso de incendio.

  4. Contar co debido orzamento para levar a cabo estas medidas.

1 comentario

  1. Alégrome moito que unha das propostas que levamos a Comisión de estudo dos IF se traduza nunha proposta no parlamento. Seguro que entre todos acabaremos con esta lacra. A presentación da comparecencia esta colgada no facebook de Emerxencias Pereiro e ten acceso público sen ningún problema. E máis canta maior defusión mellor. Eu espero poder elaborar ese Plan no meu concello en breve. Un saúdo. José Antonio R. Barros Ges Pereiro de Aguiar.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.