O convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e as deputacións provinciais, en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais, para o apoio ao funcionamento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais cofinanciado parcialmente co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2014-202 ten por obxecto apoiar, dentro do “mapa de emerxencias de Galicia”, o funcionamento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), como grupos operativos en emerxencias de ámbito supramunicipal.

Os GES cobren zonas rurais e concellos de menos de 20.000 habitantes. Na actualidade, as 300 persoas que conforman os GES prestan servizo a 174 concellos, dos 313 concellos existentes.

No convenio vixente, no relativo ás competencias correspondentes á Xunta de Galicia, establecese que a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza é o departamento encargado de xestionar as competencias que en materia de protección civil e emerxencias ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia, e máis especificamente, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior encadrada na súa estrutura. Pola súa banda, a Consellería de Medio Rural é o departamento encargado de xestionar as competencias inherentes ás medidas de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Ás Deputacións Provinciais correspóndelles a asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica aos concellos, para garantir a prestación integral e adecuada dos servizos públicos, no territorio da súa competencia, e en particular, participar na coordinación da administración local coa Comunidade Autónoma co fin de garantir os principios de solidariedade e equilibrio intermunicipal. De acordo co previsto na Lei 5/2007, do 7 de maio, de Emerxencias de Galicia, os órganos de goberno provinciais exercerán as súas competencias garantindo a prestación do servizo de protección civil e xestión de emerxencias, incluídos os servizos contra incendios e de salvamento, naqueles municipios que non conten con servizos propios.

Pola súa banda, os municipios deberán prestar á súa cidadanía os servizos públicos que contribúan a satisfacer as necesidades e aspiracións da comunidade de veciños, entre os que se atopan a seguridade en lugares públicos e a protección civil e extinción de incendios, polo que teñen necesidade de contar con medios para poder facer fronte ás súas competencias, compartidas e concorrentes, en materia de protección civil e emerxencias.

Co convenio orixinal (asinado en 2012 e vencido a 31 de decembro de 2015), prorrogado nunha primeira ocasión ata o 31 de decembro de 2018, prantéxase agora a posibilidade de prorrogalo outros tres anos, ata o 31 de decembro de 2021.

Nos diversos convenios asinados entre Xunta, Fegamp e Deputacións, entre as labores dos GES, ademais das típicas das emerxencias cotiás encárganselles labores de desbroce, tarefa totalmente incompatible coas emerxencias, xa que merma a calidade de resposta ante tales incidencias, ao ser estes servizos de resposta inmediata, tal e como se recolle na lexislación (Lei PC 17/2015 e Lei 5/2007 de Emerxencias de Galicia), así como traballos que non se poden catalogar como parte das emerxencias, deixando unha parte do convenio ao criterio do alcalde/alcaldesa de cada concello, para que dispoñan desta maneira libremente dun servizo ao seu antollo, encomendándolles traballos de barrendeiros/as municipais, construción, persoal para montar postos nas festas populares, persoal de vías e obras, etc. malversando un servizo que debe estar adicado á atención das emerxencias.

Baixo o prisma do Partido Popular, a esencia da creación dos GES era, non so que os concellos dispuxeran dun servizo municipal de emerxencias controlado directamente polas alcaldías e financiado pola Xunta e a Deputación, senón que ese carácter municipalista se traducira nun catálogo de funcións non escrito ao servizo do poder municipal.

Como é comprensible, os/as profesionais dos GES queren rematar con esa utilización pseudocaciquil que nada ten que ver co que deberían ser as súas funcións, pero as alcaldías non van prescindir facilmente dese control e desa multifuncionalidade operativa, debido á cal, en moitos concellos os GES poderían cualificarse como servizos públicos de terceira división: sen instalacións axeitadas, sen materiais adecuados, contratados en categorías que non lle corresponde, facendo tarefas que non lles competen, etc. Pola precariedade das condicións, no seu traballo ven como se vulneran leis básicas como a Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais.

Segundo o convenio en vigor, a Xunta -a través de Vicepresidencia e da Consellería de Medio Rural- financia o 60% do custe, os concellos un 20% e a deputación respectiva o 20% restante.

Algúns concellos comprometéronse en facer dos GES uns grupos de emerxencias dedicados única e exclusivamente ás emerxencias, onde se fan quendas de 24h, teñen categoría e soldo acorde as súas funcións e cumpren cun servizo de calidade para a cidadanía, pero isto so se da nalgúns concellos, polo que dende En Marea entendemos cómpre afastar o servizo dos GES da dependencia inmediata das alcaldías, posto que os concellos non deberan asumir o papel de control que teñen actualmente e os GES deberan pertencer a un consorcio provincial público, financiado pola Xunta ao 50% e polas Deputacións ao 50%.

A Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, establece no seu artigo 36 como competencia propia das Deputacións, “a prestación de servizos públicos de carácter supramunicipal, e no seu caso, supracomarcal”, polo que dende En Marea entendemos que as emerxencias, dentro das que se engloban o servizo dos GES, debe ser asumido polas deputacións, non polos concellos, pois que un concello preste un servizo supramunicipal vai contra o estipulado normativamente.

O artigo 24 da citada Lei establece que “para facilitar a participación cidadá na xestión dos asuntos locais e mellorar esta, os municipios poderán establecer órganos territoriais de xestión desconcentrada, coa organización, funcións e competencias que cada concello lle confira, atendendo ás características do asentamento da poboación no termo municipal”, non facendo mención, en ningún momento, ao termo supramunicipal.

O artigo 25 da mesma Lei establece que para a xestión dos seus intereses, os municipios terán competencia para, entre outros aspectos, a protección civil, prevención e extinción de incendios. Estas competencias enténdese son de ámbito municipal, nunca supramunicipal, motivo polo cal naceron, por exemplo, os parques dos consorcios dende os consorcios dependentes das deputacións.

Por iso tamén, o financiamento dos servizos dos GES debe ser o mesmo que o dos consorcios provinciais contra incendios e salvamento: 50% Xunta e 50% deputacións.

Por todo isto, dende En Marea instamos a Xunta de Galicia a afastar o servizo dos GES da dependencia inmediata das alcaldías, encomendándoos ás Deputacións ou Consorcios Provinciais e garantir que o financiamento do servizo dos GES non teña participación municipal, repartíndose o mesmo entre Xunta e Deputacións.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.