O deputado autonómico de En Marea David Rodríguez vén de presentar unha proposición non de lei na Comisión 5ª do Parlamento galego e unha serie de preguntas pedindo que se garanta o mantemento do servizo de Pediatría no Centro de Saúde de Trives no verán.

No inicio da súa proposición non de lei, Davide Rodríguez refírere ao “desmantelamento da atención sanitaria, como se pode comprobar en calquera lugar da xeografía galega, estrangulamento que se agrava dende que se aproba o Anteproxecto de Modificación da Lei de Saúde de Galicia”.

Davide Rodríguez considera que a “atención sanitaria no rural ten graves eivas, como se pode constatar na provincia de Ourense, nos centros de saúde do rural ourensán, situación que se ve agravada pola falta dun adecuado transporte público nas comarcas, o que provoca que a veciñanza, sobre todo a xente maior, se vexa obrigada a coller taxis e gastar cartos en desprazarse aos centros de saúde ou hospitais, servizos esenciais e que cada vez están máis afastados dos seus domicilios”.

Para o parlamentario de En Marea “o dereito máis básico é o dereito á saúde, porque sen saúde non existen os demais dereitos, pero no medio rural, aos problemas de desprazamento engádenselle outros asociados, como son as eivas na atención aos centros de saúde ou as urxencias, nomeadamente, a época estival”.

Apunta que nos centros de saúde do rural “como poden ser o de Pobra de Trives, Manzaneda ou San Xoán de Río adoitan darse dificultades coa atención, derivadas dos recortes” e, nese senso, asegura que “o último capítulo é que a Xunta de Galicia leva a cabo unha reestruturación temporal da Atención Primaria para o período estival afectando directamente a prestación do servizo de pediatría no Centro de Saúde da Pobra de Trives, servizo xa con unha eiva importante no horario e días de atención, anunciando que se suprime o servizo de pediatría deste centro. A solución ofrecida?: A Xunta de Galicia decide agrupar o servizo de pediatría en centros de saúde de referencia, isto é, derivar as cativas e cativos o Centro de Saúde de Maceda, onde se atoparía o pedíatra, ou o Centro de Saúde da Rúa. Co Concello de Maceda, ao que habería que acudir necesariamente se o que se pretende é unha revisión pediátrica, non hai ningunha liña de autobús activada na actualidade. Co Concello da Rúa, existe unha única posibilidade: Saída ás 6:40 h da mañá da Pobra de Trives con volta única ás 18:30 da tarde”.

Davide Rodríguez destaca que “estes desprazamentos ocasionan innumerables molestias que non debería sufrir a nosa veciñanza por unha falta de planificación adecuada por parte da Administración sanitaria, sen que sexa escusa o feito de que, en caso de dificultades de desprazamento, poidan ser atendidos os menores por un médico de familia, pois evidente é que aqueles teñen enfermidades específicas, tratamentos diferenciados, e que en resumo, para iso existe unha especialidade médica concreta para a súa atención”.

Desde En Marea, di o parlamentario, “defendemos o respecto e a atención á cidadanía independentemente de onde residan así como o dereito das persoas a permanecer nos seus domicilios, no seu entorno, se así o desexan, todo o tempo que poidan. O rural precisa recursos e garantías de atención”.

Por todo isto na súa proposición non de lei, En Marea pide que o Parlamento de Galicia inste á Xunta a “garantir o servizo de Pediatría no Centro de Saúde de Trives para poder ter así aos seus nenos e nenas o dereito máis básico, o dereito á saúde”.

Ademais Rodríguez Estévez presentada diversas preguntas sobre este mesmo tema para a súa resposta en comisión 5ª: cal é o motivo polo que se suprime o servizo de pediatría no Centro Médico de Pobra de Trives na época estival, se a Xunta ten pensado a Xunta dar marcha atrás nesta decisión e garantir así o servizo de pediatría no Centro Médico de Pobra de Trives de inmediato, se a Xunta de Galicia é consciente do perxuízo ocasionado a nenos e nenas, nais e pais, e demais familiares, cas decisións que están a tomar. Tamén pregunta se “cando o Presidente da Xunta de Galicia nos falaba no seu debate de investidura da lexislatura do rural… referíase realmente a isto? A supresión dos servizos básicos?”.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.