O número de incendios que afectaron aos montes galegos durante o mes de outubro de 2017 duplicou as cifras habituais doutros anos nas mesmas datas. Entre o día 14 e o 16 de outubro, Galicia sufriu unha gran vaga de lumes, aos que á Xunta respostou con improvisación e ineficacia.

Dende En Marea xa denunciaramos en varias ocasións que iso ía pasar, e esa fin de semana de fai un ano dérase o cóctel perfecto: Lumes de segunda xeración, permanente seca, temperaturas elevadas, humidade, velocidade do vento, actividade incendiaria… xunto coa eucaliptización, abandono do rural, falta de ordenación, nula política preventiva, etc. Todo iso deu un resultado catastrófico: 4 persoas falecidas e aproximadamente 49.000 hectáreas calcinadas.

Se algo amosaron os lumes deses días foi a total e absoluta falta de previsión da Xunta, así como unha improvisación intolerable. Agora, cumprido un ano desa tráxica fin de semana, cómpre avaliar o acontecido neste tempo.

Nesa fin de semana foron de destacar tanto os fallos no dispositivo contra incendios (faltou organización, coordinación e disposición de medios) como no actual modelo forestal que temos en Galicia, na información á poboación, etc. Non se soubo afrontar a emerxencia nin nas vilas nin nas cidades.

Esa fin de semana fallou o dispositivo, constatándose que a Xunta de Galicia obvia as súas obrigas nesta materia, por unha banda porque o servizo de Emerxencias de Galicia está totalmente desregulado e segregado e por outro lado, porque a Lei de Emerxencias de Galicia atópase sen desenrolar dende fai máis de dez anos.

Esa desidia por parte da Xunta deu e segue dando lugar a que cada concello, deputación e incluso a propia Xunta teñan que crear diferentes corpos para prestar estes servizos, dando lugar a un conglomerado difícil de entender e de xustificar, precario e desorganizado, conformado por: bombeiros públicos en concellos de máis de 20.000 habitantes (funcionarios de carreira), bombeiros comarcais -públicos e privados-, Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), bombeiros forestais do SPDCIF, municipais, da empresa SEAGA, da empresa TRAGSA, exército, protección civil, CIAE 112, etc.

Esta atomización fai moi complicado realizar unha xestión rápida, eficiente e coordinada, producindo problemas graves de comunicación (mesmo entre os distintos entes que operan nun incendio), burocracia excesiva, tempos inadmisibles de resposta, etc. Ao que se lle debe engadir unha formación precaria e desregulada, a falta de protocolos de promoción e procedementos unificados de traballo, etc…

Por todo isto, dende En Marea pedímoslle a Xunta de Galicia:

  • Tomar as medidas oportunas para implantar de xeito real e efectivo a xestión cen por cen pública do servizo de prevención e extinción de incendios.

  • Garantir a suficiencia de persoal e medios materiais no servizo de prevención e extinción de incendios.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.