En agosto deste ano, a ex-conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, asinou un documento no que se reflectía a postura institucional do Goberno cara a reforma da política agraria común (PAC).

O documento foi entregado ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para que as achegas de Galicia estiveran presentes na posición de España como Estado membro da Unión Europea (UE). No texto reclamábase un único plan estratéxico por Estado para as axudas da PAC, que recollera as singularidades de cada comunidade autónoma. Así, a Xunta fixaba “a postura da Comunidade Autónoma ante a futura Política Agraria Común, ao obxecto de que a mesma garanta a consecución dun sector agrario rexional rendible, sustentable e innovador, que fixe poboación no medio rural”.

No punto primeiro do documento dicíase literalmente “1) A Comisión mantén a proposta de que cada país deseñe un modelo propio de aplicación elaborando un plan estratéxico nacional dando máis capacidade aos estados membros para adaptar a PAC á súa realidade territorial, produtiva e sectorial”.

Máis adiante, engadíase: “Consideramos imprescindible que tal como establece o proxecto de Regulamento haxa un único Plan estratéxico da PAC por Estado membro. (…) O novo regulamento debe establecer criterios uniformes para todos os estados”.

Recentemente, o actual conselleiro acudiu ao Consello de Ministros de Agricultura da UE acompañado polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas. No Consello defendeu a posición que se expuxera no documento anterior, polo que, oficialmente, Galiza apostou diante de Europa por un único plan estratéxico por Estado, co obxecto de simplificar a tramitación e garantir a igualdade de oportunidades entre os beneficiarios. Isto podería ter sido doutra maneira moi distinta, como demostraron Cataluña e o País Vasco, que optaron por propoñer un plan estratéxico da PAC propio. Esta iniciativa xa a contempla a Comisión Europea, que permite plans estratéxicos rexionais adaptados ás necesidades dos territorios. Non fai falla subliñar que contar cun plan propio para Galicia sería de moito proveito, xa que se adaptaría mellor ás nosas peculiaridades e as nosas necesidades específicas.

Iso inclúe tamén maior presenza no deseño do marco de control e cumprimento. Por exemplo, Galiza podería decidir como configura os seus pagos básicos adaptándoos, por exemplo, ás características estruturais particulares do país ou ao noso perfil de especialización.

Porén, o Goberno da Xunta optou por demandar un único plan estratéxico, na liña do que xa fixera o anterior goberno central, así como o actual. Isto contradí a vontade expresada por Medio Rural de atender ás diferencias e especificidades de cada comunidade.

Dende En Marea, afirmamos que sería moito máis axeitado que Galiza conte cun plan estratéxico propio de cara ao vindeiro período da PAC, que tivese en conta as características propias do país, e así o demandamos no pleno do Parlamento de Galicia.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.