A compañeira Paula Verao ven de rexistrar a seguinte interpelación:

O 31 de decembro de 2018, publícase no DOG o Decreto 166/2018, do 27 de decembro, polo que se declara ben de interese cultural a paisaxe cultural da Ribeira Sacra. Así, zonas de ribeira do Sil e Miño e ducias de monumentos xa son BIC, na categoría de Paisaxe Cultural. Con este trámite, a Xunta agarda dar un impulso á candidatura ante a UNESCO da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.

Este trámite complétase sen ter en conta a maioría das alegacións, respondendo estas moi tarde (en decembro) e sen ter implicado efectivamente á cidadanía no proxecto.

A declaración é un avance para a conservación do Patrimonio, pero falta moito por facer.

En primeiro lugar, quedan fóra da consideración BIC numerosos elementos do Patrimonio de grande interese e, nomeadamente, aqueles que conservan restos románicos, un dos sinais de identidade destes territorios. Particularmente, quedan fóra da consideración de BIC elementos antigos e singulares, como a Cova rupestre do Cotillón, en Ferreira do Pantón.

Unha das alegacións presentadas por En Marea ao proxecto fora a necesidade dun plan de investimentos coordinado. Foi rexeitada, pero a Xunta anunciou que vai coordinar un plan de investimentos para a zona, sen que aínda haxa concreción do mesmo.

Falta por considerar a cuestión dos viñedos históricos e a súa recuperación.

Por outro lado, a ribeira do Cabe conta con numerosos elementos patrimoniais e produción vitícola dende antigo, pero foi excluída da Declaración, ao non estar ao mesmo nivel que o Sil ou o Miño. Do mesmo xeito, queda fóra parte do dominio do Bibei.

En canto ás grandes infraestruturas, non se realiza unha análise sobre o trazado da A-76 e a súa afectación patrimonial e paisaxística nin se establecen restricións para as infraestruturas de produción enerxética.

Para que a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade sexa “unha oportunidade histórica” hai que acompañala dun plan de desenvolvemento socioeconómico integral da zona, así como dunha estratexia de conservación, estudo e divulgación do Patrimonio, acompañadas de orzamento e prazos de execución.

Á nosa alegación sobre a necesidade dun plan de conservación do Patrimonio inmaterial, respondeu a Xunta que isto xa está contemplado na Lei de Patrimonio e que non ha lugar. Pero o que sucede é que non se está a facer.

Por isto, En Marea interpelará ó Conselleiro de Cultura para que dea resposta as seguintes preguntas:

1. Vai a Xunta impulsar unha campaña informativa sobre o Decreto de declaración BIC da Ribeira Sacra?

2. Cando vai a Xunta impulsar un plan de investimentos na zona da Ribeira Sacra coordinado entre as distintas administracións implicadas? Que orzamento vai dedicar a dito plan?

3. Como valora o grao de cumprimento das leis en materia de plantacións de piñeiros e eucaliptos na Ribeira Sacra? Que medidas vai impulsar a Xunta para a eliminación dos eucaliptos existentes no territorio?

4. Como valora a Xunta a conservación e divulgación do importante conxunto de petróglifos do sur de Lugo?

5. Vai a Xunta impulsar un plan específico de protección do Patrimonio inmaterial da Ribeira Sacra?

6. Cal foi o criterio que se tivo en conta para excluír da declaración BIC elementos como a Cova rupestre do Cotillón?

7. Por que á ribeira do Cabe non se lle deu a mesma consideración que ás do Sil e Miño?

8. Por que non se inclúe todo o ámbito do Bibei na declaración BIC da Ribeira Sacra?

9. Considera compatible a declaración BIC da Ribeira Sacra cos atentados contra o patrimonio acontecidos no mosteiro de San Salvador de Asma?

10. Por que non se inclúen os sartegos antropomorfos na declaración BIC?

11. Ten prevista a Xunta algunha actuación para a protección e divulgación do Patrimonio paleolítico da comarca de Lemos?

12. Vai a Xunta aumentar o número de elementos BIC na zona da Ribeira Sacra?

13. Vai a Xunta prohibir de xeito expreso as aplicacións mineiras e as novas construcións hidroeléctricas e os grandes proxectos eólicos, que o actual expediente permitiría como excepcións?

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.