A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) oferta este ano diversas accións formativas, entre as que están os cursos de “Operacións de Extinción de Incendios Forestais” ou “Interface urbano Forestal”

Nas citadas accións formativas, contémplanse como destinatarios específicos Bombeiros dos Parques Municipais, Bombeiros dos Parques de Consorcios, Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e servizos municipais de Protección Civil e Emerxencias.

Os bombeiros do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF), non se inclúen entre os destinatarios específicos destes cursos, o que amosa novamente o desprezo que a Xunta de Galicia mantén cara o persoal deste servizo en canto á formación se refire, excluíndoos, por razóns xa non só inexplicables e inxustas senón mesmo ilegais.

A formación do persoal do SPDCIF inclúese tamén no PLADIGA, e recentemente, na Recomendación nº 94 do Ditame da Comisión de Estudo sobre os incendios forestais, aprobada en sede parlamentar, na cal se recolle a realización dun plan de formación ordenado e acorde.

É dunha gran importancia a formación continua e a reciclaxe profesional do persoal do SPDCIF, con especial atención á problemática das multiemerxencias e os novos tipos de incendios, pois con elo garántese unha mellor eficacia e seguridade, tanto para o propio persoal como para a cidadanía en xeral, tal e como recomenda a “Lei Orgánica 4/2015, do 30 de marzo, de protección da seguridade cidadá” no seu preámbulo.

Por iso preguntámoslle a Xunta de Galicia:

  1. En que criterios se basea a exclusión dos bombeiros forestais do SPDCIF destas accións formativas?.

  2. Ten previsto a Xunta de Galicia modificar a Resolución do DOG para incluír tamén aos bombeiros forestais do SPDCIF como destinatarios destes cursos da AGASP?.

  3. Ten pensado a Xunta de Galicia establecer un plan de formación consensuado co servizo e acorde ás competencias, características, necesidades e demandas etc… do persoal do SPDCIF, en cumprimento do establecido na lexislación e do aprobado en sede parlamentar no ditame da Comisión especial de estudo e análise das reformas da política forestal e do Plan forestal de Galicia, avaliando a experiencia acumulada dende 2006 e especialmente, a extraordinaria vaga de lumes que acaba de sufrir Galicia en outubro de 2017?.

2 Comentarios

  1. Nos meus primeiros anos no sevizo pedín cursos de tódolos tipos,investigacion,comunicacións,etc,etc,só me deron o de peon,15 anos co mesmo curso,a formacion que posúo fíxena pola miña conta,este ano escapeime ao curso de motobombistas,co permiso da xefa de distrito,claro,e logo nos lumes fas de director de extincion,regulas o trafico,falas cos helis,co distrito,etc,etc,para o goberno da xunta somos a derradeira merda pinchada nun pau,pero nós,os borrallentos,imos seguir xogándonola vida cando e como faga falla.!!!

    1. Author

      Tes toda a razón Marta. Seguiremos loitando para que a formación sexa un piar fundamental e continuo dentro do SPDCIF.

      Aperta.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.