Segundo o último Informe de Indicadores de Seguimiento de la Sociedad de la Información por Comunidades Autónomas del Ministerio de Enerxía, internet aínda non chegou a máis de 17.348 fogares galegos, gran parte deles pertencentes ao rural. Así, Galicia é a comunidade onde máis familias queren acceder á rede, pero non poden pola ausencia dunha infraestrutura adecuada. A situación agrávase en Ourense e Lugo, onde a dispersión dos núcleos de vivendas e o envellecemento é maior.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que está adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, ten como obxectivos definir, desenvolver e executar as políticas do Goberno no que respecta ás novas tecnoloxías da información, a comunicación e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico. Algunhas das súas encomendas son:

  1. Pór a disposición da cidadanía e das empresas de Galicia contidos e servizos públicos dixitais avanzados.

  2. Dotar á cidadanías das competencias e recursos para participar activamente no desenvolvemento da sociedade da información.

  3. Implantar unha rede de infraestruturas moderna e sostible que garanta a integración de Galicia na sociedade da información.

  4. Impulsar o uso dos servizos TIC por parte das empresas galegas.

No que respecta ao rural, a Xunta e a AMTEGA está incumprindo todos e cada dos obxectivos encomendados, dando lugar a unha Galicia de dúas velocidades. Isto é de moita gravidade, xa que impide a moita xente traballar, formarse e vivir nas mesmas condicións que os cidadáns das cidades galegas. Como se vai a repoboar o campo galego ou, polo menos, a deter o éxodo masivo de mozos e mozas, se a Xunta de Galicia non é quen de garantir uns servizos mínimos á veciñanza?

Por isto, dende En Marea preguntámoslle a Xunta de Galiza que responsabilidade ten o goberno da xunta no feito de que sexamos a comunidade autónoma na que máis familias non poden acceder a internet por falta dunha infraestrutura adecuada.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.