A colleita do mel afronta outro ano complicado. No 2017 o problema foron as xeadas que queimaron a floración e a seca que impediu que brotase nada. Nesta ocasión, a culpable da escaseza da colleita serán as precipitacións. A produción da mel soe realizarse entre febreiro e xuño, cando o tempo é máis seco e os termómetros superan os 12 graos. Porén, este ano non desfrutamos das condicións propicias, xa que padecemos temperaturas moi baixas, choivas e sarabia que afectaron moi negativamente á floración do breixo, do castaño, da silva e da uz. Segundo os cálculos realizados polo propio sector apícola, a produción de mel pode minguar ata un 50%.

Aos efectos nocivos da climatoloxía hai que sumar os prexuízos da avespa velutina. Malia que a abella produce a mel entre febreiro e xuño, época na que a velutina non ataca, nos meses de verán o insecto invasor acosa as abellas autóctonas, que saen ao exterior para colleitar nutrientes. Nese momento, moitas son devoradas, o que compromete a propia integridade da colmea e o relevo xeracional. Deste xeito, os ataques do verán afectan a produción de mel da seguinte campaña. Ante esta situación, cómpre evitar que os insectos abandonen as colmeas, pero para que iso sexa viable, os produtores e produtoras de mel teñen que aportarlles comida, acción que, necesariamente, encarece a actividade. Este gasto engadido pode supoñer ata 12 euros máis por colmea. Iso sen contar os custes en termos de desprazamento e tempo dedicado, pois a alimentación manual ten que repetirse cada dúas semanas. Polo momento, estes contratempos non están afectando aos prezos de venda ao público da mel, pero iso podería mudar no futuro inmediato por razóns obvias de rendibilidade.

Por suposto, non podemos esquecer tampouco o impacto nefasto que teñen os lumes na produción de mel. Os incendios de outubro minguaron, como non podería ser doutro xeito, a produción, non só polas colmeas que foron consumidas polas lapas, senón tamén polas dificultades inmensas que tiveron que sortear aquelas que se salvaron da queima. Nos terreos calcinados, as colmeas teñen moi poucas posibilidades de sobrevivir pola falta de matogueira e árbores en floración. Farán falla aínda varios anos para recuperar a produción de mel nos territorios que foron vítimas do lume.

Así, é claro que o sector apícola pasa por momentos moi complicados e que precisa do respaldo das institucións para poder encaralos con éxito.

Por isto, o grupo parlamentar de En Marea pregúntalle a Xunta de Galiza:

  1. Que medidas pensa adoptar a Xunta de Galicia para paliar a produción minguante de mel por mor da climatoloxía?

  2. Que fixo para combater os estragos dos lumes no sector apícola?

  3. Como pensa reforzar o sector apícola no futuro?

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.