O voceiro de En Marea, Luís, Villares, reclama unha aposta política que favoreza o asentamento da poboación no medio rural e facilite o mantemento dun campo vivo e con oportunidades. Fíxoo no transcurso da manifestación convocada este domingo en Santiago de Compostela por comunidades de montes en man común de toda Galicia. Un modelo ameazado pola política forestal da Xunta de Galicia; “que pretende expropiarlles os montes á veciñanza para cederllos a empresas privadas”.

Os montes en man común son unha forma de propiedade colectiva desde fai 1.600 anos. E dende entón serviron para favorecer o asentamento da poboación e aumentar o benestar no rural galego. Nesa idea incidía Luís Villares ao inicio da manifestación que partiu da estación de tren; e á que tamén asistiu o deputado Davide Rodríguez.

“A reforma do Partido Popular pretende expropiarlles os montes á veciñanza para cederllos a empresas privadas. Desde En Marea rexeitamos totalmente esta pretensión. Os montes teñen que servir á xente, teñen que ser un aliciente para ocupar o territorio, un aliciente para a poboación do medio rural. Estamos aquí rexeitando esas políticas do PP, que pretenden esquilmar os nosos recursos naturais e facelo mediante o abandono forzoso da poboación do medio rural. Estamos aquí porque non nos resignamos a esas políticas do Partido Popular”, explicou Villares.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.