Hoxe, reunímonos ca Fiscal de Medio Ambiente na Provincia de Ourense, Dona Carmén Eiro.

Dende En Marea, expuxémoslle a nosa preocupación pola situación de contaminación a que está sometida a Comarca da Limia por mor da non xestión dos xurros gandeiros pola incompetencia da Consellería de Medio Rural e de Medio Ambiente.

Queremos deixar claro, que con estas accións, non estamos en contra das empresas que operan no territorio, se non dun modelo de produción e dun descoido total por parte da Xunta de Galiza.

Na Comarca da Limia, de xeito que foi desaparecendo a agricultura e gandería tradicional, e mudando cara un modelo intensivo, as augas da bacía hidrográfica do Rio Limia vanse tornando cada vez máis contaminadas.

Segundo denuncia a Sociedade Galega de Historia Natural, así como distintos colectivos de a Limia, hoxe, esta comarca soporta unha carga gandeira de máis de 75.000UGM, equivalente a unha poboación de 1.6000.000 habitantes, que producen unha cantidade maior a un millón de toneladas de residuos que acaban depositándose ao aire libre e sen ningún tipo de depuración, tratamento, precaución e protección.

Deixámoslle á Fiscal de Medio Ambiente, unha serie de iniciativas que estamos a levar a cabo tanto no Parlamento Europeo por parte da compañeira Lidia Senra, como no parlamento galego, así como peticións que fará o compañeiro Iván Olmos no Congreso d@s Deputad@s a partires do 28 de abirl.

No parlamento galego instamos a Xunta de Galicia a:

  1. Entregar aos grupos e deputados integrantes desta comisión de Medio Rural a seguinte documentación:

a. Documentación sobre as medidas que se están a tomar para evitar que baixo un suposto amparo legal se leven adiante as prácticas descritas anteriormente e que a todas luces danan irreparablemente o medio ambiente e a saúde das persoas.

b. Documentación sobre as medidas que se están a tomar en relación ó depósito de esterqueiras ó aire libre e en contacto directo sobre o chan sen ningún tipo de soleira impermeabilizada.

c. Documentación sobre os controis que se fan respecto a xestión de envases de produtos fitosanitarios, xa que se seguen a ver numerosos episodios de envases directamente abandonados sobre o campo ou balsas de rega como se pode observar nunha das fotografías.

d. Documentación sobre que medidas de control se están a someter as empresas, no tocante o transporte e distribución de xurros.

e. Censo actualizado a día de hoxe da carga gandeira que está a soportar a Comarca da Limia.

  1. Abrir unha investigación contactando coas autoridades competentes para depurar responsabilidades sobre o estado no que se atopa o chan e as augas da Comarca da Limia afectadas por este elevado nivel de contaminación.

  2. Ordenar as explotacións existentes e adoptar unha xestión ambientalmente sustentable dos residuos agrogandeiros xerados, que cumpra co Dereito da Unión Europea.

  3. Revisar as superficies asociadas as explotacións de porcino.

  4. Esixir as explotacións unhas balsas para a xestión de xurros adecuadas ó tamaño da explotación.

  5. Facer un control exhaustivo sobre as empresas dedicadas ó transporte de xurros.

  6. Por en funcionamento o centro de tratamento de xurros sito na Limia para tratar os excedentes producidos pola excesiva carga de porcino autorizada pola Consellería de Medio Rural.

  7. Publicar un Decreto de Xestión de Residuos Agrogandeiros de obrigado cumprimento.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.