Dende o ano 2012, a relación de postos de traballo (RPT) da Consellería do Medio Rural, recolle unha serie de prazas cunha temporalidade na prestación de servizos de ata tres meses, prazas adscritas ao Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais.

As citadas prazas de nova creación foron recollidas no DOGA nº 130, do luns 9 de xullo de 2012, onde se recolle que segundo a Lei 3/2007 do 9 de abril, de prevención e defensa contra incendios forestais, atribúe ao órgano competente en materia forestal o deseño do operativo de extinción de incendios forestais a través do plan de defensa contra incendios forestais (PLDADIGA).

A Xunta de Galicia argumentaba polo ano 2012 que a citada modificación da RPT de Medio Rural tiña por finalidade dimensionar a estrutura orgánica do persoal e adecuala ás necesidades do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais en época estival que, de forma permanente, é declarada como época de alto risco, dando apoio nas tarefas de extinción de incendios forestais.

Nesta modificación da RPT aprobouse a creación de 436 prazas, cunha prestación de servizos de ata tres meses para persoal do SPDCIF, de cara ao reforzo de alto risco de incendios, tal e como relata no DOGA anteriormente exposto.

Dende En Marea cremos que a mellora dos resultados da política de prevención pasa por estender os contratos do persoal fixo descontinuo do SPDCIF ata nove meses, modificando a ARPT actual. As tarefas deste colectivo serán prioritariamente de prevención nos meses en que haxa un menor risco de incendios forestais e de vixilancia e extinción na tempada de alto risco.

Nos 436 contratos de traballo, que os traballadores e traballadoras asinan coa Xunta de Galicia-Consellería de Medio Rural, na cláusula primeira vincula ao traballador co SPDCIF. Nas cláusulas terceira e cuarta tamén existe vinculación do traballador co propio V convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, como tamén na cláusula adicional décimo terceira.

Non está de máis matizar que se trata dun colectivo afincado e espallado pola xeografía rural do país que xa a data de hoxe está ubicado estratexicamente en canto a cobertura territorial se refire, e coa plusvalía dun amplo coñecemento do territorio logo de máis de 25 anos de traballo.

Diante do argumento da falta de fondos para ampliar a contratación, podemos demostrar como a Xunta de Galicia tenta ampliar a data de hoxe as contratación en temo e número de brigadas helitransportadas por un montante superior, aumentando o tempo de traballo só ás brigadas helitransportadas privadas para facer prevención mentres manda o persoal do SPDCIF fixo descontinuo ao paro.

Os peores anos até o de agora en canto a lumes en Galicia foron no período 1991-2005, onde a superficie queimada por incendio forestal non superou as 3 Has/lume (Fonte- área de defensa contra incendios forestais do Ministerio de Medio Ambiente), con medias de lumes por ano que acenderon aos 10.000 incendios, chegando a picos de 15.000 nalgún deles. Neste período, a composición do dispositivo de prevención e extinción contra incendios estaba conformada maioritariamente polo SPDICIF, o cal supoñía un 84% do total. O seguinte período, que nos levou ata o 2009 xa comezou a diminuír o peso do SPDCIF no total do dispositivo, deixándoo nun 67%. Coa introdución do novo modelo do PP logo do ano 2009, continuou minguando o peso específico do SPDCIF dentro do total como dispositivo, chegando ao actual 38%.

Tanto por argumentos técnicos coma por económicos non ten sentido manter o actual modelo, para o cal propomos, tal e como detallamos anteriormente, o retorno ao modelo baseado nun SPDCIF forte onde se incentive a formación ao persoal e se procure unha estabilidade laboral para garantir un traballo digno, e así volver a ser o servizo de referencia dentro do estado.

A precariedade laboral á que están sometidos os traballadores e traballadoras contratados, cos tempos e modalidades existentes neste momento, aumenta co simple paso do tempo. É escandaloso que a propia Administración pública fomente estes contratos escravos e miserentos, non garantindo o básico para poder manter unhas condicións de vida digna. Logo de catro anos dende a derradeira modificación da RPT da Consellería o persoal empregado recibe un salario inferior ó 75% do SMI, feito que a Administración autonómica galega non debería permitir máis aló de situacións sumamente excepcionais, caso que consideramos no é o que agora nos ocupa.

Por iso, dende En Marea instaremos a Xunta de Galicia a que proceda á modificación da actual Relación de Postos de Traballo da Consellería de Medio Rural, no senso de que a duración dos contratos do persoal de reforzo para a campaña do verán do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) se incremente sobre os 3 meses actuais, sendo equiparados cos traballadores e traballadoras, persoal laboral fixo descontinuo, ampliando a súa relación contractual a un total de nove meses.

1 comentario

  1. Son contratos de fixos descontinuos inda que todos sexan de 9 meses son unha sinrazon coa cantidade de accións preventivas que se poden levar a cabo e de cara a cubrir o territorio durante as 24 horas do día dos 365 días do año. Xa que no momento que cesan pasan a engrosar as listas do paro e a percibir a percepción do subsidio sendo desde xeito unha carga para as arcas do estado. Soamente un dispositivo no que o seu persoal integramente traballe durante os doce meses do ano será un dispositivo profesional o demais son medias tintas.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.