O deputado de En Marea, Davide Rodríguez, reuniuse cos membros do comité de empresa de Medio Rural para coñecer a proposta dada a coñecer polo PSOE e PP sobre a ubicación dunha base da Unidade Militar de Emerxencias (UME) en Ourense. O comité de empresa fixo partícipe ao deputado por Ourense que esta proposta “ten máis de propaganda que de utilidade na extinción de incendios”. Segundo o presidente do comité, Óscar Rodríguez, “en lugar de buscar unha base para a UME, a Deputación de Ourense debería estar pedindo que se cubriran todas as prazas vacantes das cuadrillas asignadas para a provincia”. Davide Rodríguez apuntou que En Marea “apoia a postura do comité de empresa fronte a esta proposta propagandística” e lembra que a proposta desta formación “é un servizo de prevención e extinción público, ben dotado e de carácter civil”.

Tanto Óscar Rodríguez como o deputado de En Marea, Davide Rodríguez, consideraron que esta idea de fixar unha base da UME en Ourense é “unha operación de propaganda que servirá para algunhas fotos, pero que non vai contribuír a mellorar o servizo de extinción de incendios na provincia”. Davide Rodríguez sinalou que é público e recoñecido que a UME “non é operativa á hora da extinción porque non mantén relación coas brigadas civís e actúa sen coñecemento do terreno”. Rodríguez sinalou tamén que a UME é o contrario ao que En Marea quere para o servizo: “queremos máis prevención e menos extinción, queremos un servizo civil e público, ben dotado e con profesionais que coñezan a súa labor: a UME non reúne ningunha destas condicións”.

Para o presidente do comité de empresa, “a Deputación de Ourense en lugar de pedir a UME tería que estar pedindo que se cubran todas as prazas que faltan por cubrir nas brigadas na provincia de Ourense”. Óscar Rodríguez sinalou tamén que a UME responde a unha estrutura militar e non se coordina cos equipos civís que operan sobre o terreno. Engadiu que a UME ten un coste para os galegos e que ese diñeiro podería ser utilizado en ter os equipos sen vacantes.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.