Hoxe, esta comarca soporta unha carga gandeira de máis de 75.000UGM, equivalente a unha poboación de 1.6000.000 habitantes, que producen unha cantidade maior a un millón de toneladas de residuos que acaban depositándose ao aire libre e sen ningún tipo de depuración, tratamento, precaución e protección.

A Comarca da Limia está a padecer unha severa agresión pola xestión que na actualidade se fai dos residuos procedentes das explotacións de gandería intensiva, e máis particularmente as dedicadas a produción de porcino e avícola . Aínda que o artigo 2 da lei 22/2011 de 28 de xullo de residuos sólidos e solos contaminados exclúe segundo o disposto no apartado e), As materias fecais, palla e outro material natural, agrícola ou silvícola non perigoso utilizado en explotacións agrícolas e gandeiras mediante procedementos ou métodos que non poñan en perigo a saúde humana ou danen o medioambiente, NON AMPARA EN ABSOLUTO as prácticas que de forma rutinaria e xeneralizada estanse a aplicar na Comarca da Limia e que si supoñen un dano irreparable para o medioambiente e a saúde humana.

• Proceso de eutrofia acusada no Encoro das Conchas,

• Aumento constante dos niveis de concentración de Nitratos nas augas subterráneas.

• Afección irreversible o encoro de Faramontaus (presa de Gudín) non sendo apta na actualidade para abastecemento…

• Empobrecemento da biodiversidade.

• Degradación paisaxística da comarca.

• Mala calidade do aire (cheiro constante a xurro).

Tamén o artigo 3 da Lei 10/2008 do 3 de novembro establece que quedan fora do seu ámbito de aplicación: Os residuos producidos nas explotacións agrícolas e gandeiras consistentes en materias fecais e outras sustancias naturais e non perigosas cando se utilicen no marco das explotacións agrarias.

Esta exclusión non ampara as aplicación incontroladas de xurro que se fan durante longos períodos do inverno sobre extensas superficies de mato ( toxo e xestas ) que baixo a escusa dun suposto abonado non persegue máis fin que o desprenderse do xurro en exceso motivado por saturar a comarca cunha carga gandeira irracional.

De igual xeito deixase fora de control e mírase cara outro lado en relación as condicións mínimas que deben gardar os depósitos de esterco ó aire libre ( sobre todo de galiña) que se observan durante o inverno/primavera en moitas parcelas e campos de cultivo e que poden ocasionar de forma evidente episodios de contaminación.

Vimos de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galicia para:

1. Entregar os grupos da comisión de Medio Rural a seguinte documentación:

a. Documentación sobre as medidas que se están a tomar para evitar que baixo un suposto amparo legal se leven adiante as prácticas descritas anteriormente e que a todas luces danan irreparablemente o medioambiente e a saúde das persoas.

b. Documentación sobre as medidas que se están a tomar en relación ó depósito de esterqueiras ó aire libre e en contacto directo sobre o chan sen ningún tipo de soleira impermeabilizada.

c. Documentación sobre os controis que se fan respecto a xestión de envases de produtos fitosanitarios, xa que se seguen a ver numerosos episodios de envases directamente abandonados sobre o campo ou balsas de rega como se pode observar nunha das fotografías.

d. Documentación sobre que medidas de control se están a someter as empresas, no tocante o transporte e distribución de xurros.

e. Censo actualizado a día de hoxe da carga gandeira que está a soportar a Comarca da Limia.

2. Abrir unha investigación contactando coas autoridades competentes para depurar responsabilidades sobre o estado no que se atopa o chan e as augas da Comarca da Limia afectadas por este elevado nivel de contaminación.

3. Facer unha moratoria na comarca da Limia a instalación de novas granxas.

4. Ordenar as explotacións existentes e adoptar unha xestión ambientalmente sustentable dos residuos agrogandeiros xerados, que cumpra co Dereito da Unión Europea.

5. Revisar as superficies asociadas as explotacións de porcino.

6. Esixir as explotacións unhas balsas para a xestión de xurros adecuadas ó tamaño da explotación.

7. Facer un control exhaustivo sobre as empresas adicadas ó transporte de xurros.

8. Por en funcionamento o centro de tratamento de xurros sito na Limia para tratar os excedentes producidos pola excesiva carga de porcino autorizada pola Consellería de Medio Rural.

9. Publicar un Decreto de Xestión de Residuos Agrogandeiros de obrigado cumplimento.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.