Hoxe, o Partido Popular, nun afán de meter a man no alleo, trouxo ó pleno do parlamento unha iniciativa para a privatización dos Montes Veciñais en Man Común.

Comezan falando da estrutura da propiedade forestal galega: Pública, MMVVMC (como propiedade privada) e particular.

Non señores, os montes veciñais en man común son restos de antigas titularidades colectivas.

A súa titularidade correspóndelle a veciñanza comuneira, independentemente de que as formen nun momento dado, entendida a veciñanza non como un ente administrativo, senón como un grupo social.

Os montes veciñais en man común son titularidades de carácter xermánico, imprescritibles, indivisibles, inalienables e inembargables. Son outra forma de posuír que temos as galegas e galegos.

A súa xestión, a administración e a posta en valor dos montes veciñais en man común, non pode levarse adiante de xeito individual. Ten que ser tomada de xeito democrático nas asembleas xerais das comunidades de montes veciñais en man común.

Sinto moito pero non conten con nos para tal fin, e conten con nos para recoñecer os MMVVMC como unha titularidade veciñal, comunitaria, distinta e en pé de igualdade das titularidades públicas e privadas.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.