A proposta de renovación dos contratos que fixeron as industrias lácteas defraudou as expectativas dos produtores de leite, que agardaban subidas de entre dous e tres céntimos por litro e se terán que conformar con aumentos que, no mellor dos casos, serán dun céntimo.

A meirande parte das granxas xa asinaron acordos que terán validez durante os próximos 12 meses con prezos base entre os 28 e os 30 céntimos, xa que, se non os subscribían, terían quedado sen ninguén que lles recollera o leite.

Ao mesmo tempo que isto acontece, Galicia aumenta a súa produción. Aínda que no conxunto do Estado se moveu un 1,8% menos de leite que no mesmo período do ano anterior, Galicia aumentou o seu volume un 0,5%.

A pesar disto, o balance continúa sendo negativo. Galicia leva máis dunha década á cola de Europa.

Durante o mes de xaneiro, a leite galega se pagou a 31,7 céntimos por litro, o mesmo prezo que tiña no primeiro mes de 2018, o que converte á nosa comunidade nunha das rexións produtoras do continente europeo coas cotizacións máis baixas. Galicia é, de feito, a única comunidade do Estado na que o litro de leite se pagou de media por debaixo dos 32 céntimos. A media española é de 33 céntimos e, noutros lugares, como a Comunidade Valenciana, o prezo supera mesmo os 35 céntimos por litro.

Se tomamos como referencia o prezo medio español, as granxas galegas deixaron de ingresar máis de tres millóns de euros cada mes.

Como consecuencia deste escenario, insostible para os pequenos produtores, no ano 2018 desapareceron 466 produtores lácteos. O ano comezou con 8.014 e rematou con 7.548.

O que sucede non ten ningún sentido. Galicia produce o 40% da produción total de leite do Estado e, non obstante, ten os prezos máis baixos. Isto só pode explicarse pola pésima xestión política do Goberno da Xunta, que non foi quen de ofrecer ao sector lácteo os recursos que precisaba para ser competitivo e viable.

Como explica o Goberno da Xunta que, producindo o 40% da leite do Estado, Galicia teña os prezos máis baixos?

Que relación manteñen os prezos ínfimos co descenso do número de produtores?

Que responsabilidade ten o Goberno no estado do sector?

Que pensa facer para mudalo?

Mutis por el foro.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.