Galiza sofre unha perda de poboación no rural desde hai varias décadas. A poboación arrímase á costa nun éxodo sen precedentes do rural, en busca do maná prometido como son as oportunidades de traballo e a consecución dunhas mellora na calidade de vida. Isto dáse nas provincias do interior Lugo e Ourense cara as zonas costeiras de Pontevedra e da Coruña, onde tamén se produce esta marcha desde o interior cara as cidades.

Porén o maná está no rural e sempre estivo alí. As condicións de vida son inmellorables e incomparables sempre que as administracións se impliquen e axuden á poboación coa garantía de servizos ao igual que ocorre nas grandes urbes. É necesario ver e potenciar a necesidade de habitabilidade do rural: a cidade non come se o campo non traballa.

A perda de cultivos en Galicia amosa esta realidade do éxodo. Así desde o inicio da crise, segundo un artigo publicado na Opinión da Coruña, máis de 33.364 hectáreas de terras de labor abandonáronse. É a superficie dedicada a cultivar cereais, forraxes, hortalizas e legumes.

Nunha táboa publicada polo Instituto Galego de Estatística o 11 de setembro de 2018 vese o avance inexorable do éxodo e da perda de cultivos. Así, no ano 2006 producíanse 1.985.590 toneladas de millo forraxeiro que pasaron no ano 2017 a 1. 936.384. no ano 2006 había 5.983.521 toneladas de pradería polifita que pasaron no ano 2017 a 3.218.426.

Tamén se reduciu o cultivo de pataca, afectado nos últimos anos pola couza guatemalteca.

É posible reverter esta situación creando novas oportunidades de traballo e de negocio para a xuventude no rural, que permita reverter o éxodo e que fixe poboación no rural que permitirá un gran avance socioeconómico en Galicia.

Pero… que medidas está ou ten pensado levar a cabo o goberno galego para reverter a situación de déficit nas principais producións agrícolas galegas? Sexan as que sexan, de momento vense totalmente insuficientes.

Dende En Marea preguntaremos por elas (si existen) no Parlamento Galego.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.