Hoxe estivemos coas veciñas e veciños do Concello de Chandrexa de Queixa falando dos casos de falsa positividade por tuberculose en gando vacún nos concellos das comarcas do Macizo Central ourensán.

O protocolo sanitario establece que estes animais deben de ser sacrificados a partires da primeira análise que reflicta posibilidade de contaxio, incluíndo os “positivos dubidosos”. Namentres, a única proba que certifica cen por cen a presencia de tuberculose no gando é a proba post morten. Unha vez realizada esta e certificando que o animal estaba en boas condicións, atopámonos con que o gandeiro ou gandeira perderon un 60% do valor do animal.

Segundo vimos observando dende En Marea, só nunha mínima parte destes casos a proba post morten corrobora a existencia de tuberculose.

Tamén temos que por de manifesto a incongruencia de que para un recurso de alzada contra o resultado pode pasar un mes, namentres o expediente obriga a finalizar o proceso en 15 días, podendo o ou a gandeira enfrontarse a multas que van dende os 3.000 e os 60.000 euros.

Cómpre levar ao extremo o control sanitario do noso gando, e iso habería de incluír a aplicación de probas realmente fiábeis para a detección das posíbeis enfermidades e non movernos nos casos de “supostos”, que en numerosas ocasións acaban supoñendo unha perda económica inxusta para as explotacións, nomeadamente do sector lácteo, agravando inda máis a actual situación.

Pediremos no parlamento galego:

  • Suspender a marcaxe e o posterior sacrificio dos animais que deron positivo “dubidoso” en canto non se acade un novo protocolo de actuación por parte da consellería e do responsable de sanidade animal.
  • Realizar novas probas, dado que non se están a facer correctamente en moito casos, e que ademais temos constancia de que só o 0,01 dos casos de vacas dubidosas de tuberculose dá positivo na análise post mortem, o que demostra a escasa fiabilidade das probas actuais.
  • No caso que se confirmen as vacas positivas, solicitamos que se lle dea a posibilidade ao/á gandeiro/a de elixir o tipo de sacrificio (selectivo ou baleirado) e coas mesmas indemnizacións (indemnización por animal sacrificado e lucro cesante).
  • Que no baremo que se usa para indemnizar os animais se teñan en conta, ademais da idade, tipo de animal, xenética, raza, tipo de explotación –intensiva, extensiva ou ecolóxica.
  • Cubrir os gastos de desprazamento dos animais dentro das axudas a os custes, xa que esta, non deixa de ser unha obriga imposta de sacrificio aínda que despois dea negativo en matadoiro.

Seguimos!!!

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.