Trala celebración da última xuntanza do Consello Forestal, o pasado 19 de febreiro, o Sindicato Labrego Galego, Asociación Frouma e Amigos da Terra, denunciaron, unha vez máis, a exclusión dos axentes do sector á hora de dialogar e traballar para facer políticas forestais de consenso.

Dende a súa creación no 2004 como órgano consultivo e asesor da Administración, o Consello Forestal de Galicia coxeou na súa faceta de ser a “canle de participación dos axentes sectoriais, sociais e científicos para a elaboración e execución de políticas orientadas ó desenvolvemento sustentable”, tal como marca a Conferencia de Nacións Unidas dende o ano 1992. E, nos últimos tempos, converteuse nun instrumento de trámite para xustificar unha consulta pública que, en realidade, non se producía.

No último pleno do Consello Forestal, o conselleiro de Medio Rural aludiu sempre á Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia e aos grupos de expertos creados no Parlamento de Galicia, como única vía de traballo para a elaboración das políticas forestais.

Isto é un grave erro xa que a participación das organizacións sociais e sectoriais son vitais.

Concretamente, no aspecto da prevención e defensa contra os incendios forestais, o conselleiro negou en repetidas ocasións a solicitude de creación dunha Mesa dos Lumes no seo do Consello Forestal, onde poder aportar e debater propostas para avanzar nunha solución a esta problemática do territorio galego, que ten moito que ver coas políticas forestais e do medio rural. Cabe recordar que a creación desta mesa de traballo foi un compromiso adquirido pola Consellería, na figura de Tomás Fernández Couto, na anterior convocatoria do Consello Forestal (18 de abril de 2018), trala polémica xurdida pola tramitación do PLADIGA e a presión das organizacións sociais.

Dende a Xunta de Galicia volven a poñer a política de costas ao pobo, en troques de contar coa experiencia e traballo dos axentes sociais.

O goberno da Xunta de Galicia e o PP seguen sen ter en consideración os axentes sociais representativos do sector forestal do pais. Seguen tendo unha visión dos montes unicamente co fin de producir madeira de mala calidade, deixando de lado a multifuncionalidade e a loita contra o cambio climático. A Consellaría de Medio Rural segue sen dar prioridade á imprescindible xestión sustentable dos montes e ecosistemas forestais de Galicia para conseguir o desenvolvemento económico, ecolóxico e social do conxunto do país.

Por iso, dende En Marea pedímoslle a Consellería de Medio Rural que constitua comisións e grupos de traballo dentro do Consello Forestal que integren e desenvolvan as políticas forestais que Galicia precisa.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.