A poboación galega caracterízase por unha serie de características como poden ser o despoboamento, illamento, dispersión xeográfica, problemas de mobilidade, carencia de recursos e servizos básicos, etc.

Esta situación vese favorecida polas políticas de desmantelamento do rural do Partido Popular e o seu progresivo estrangulamento dos servizos públicos neste contexto, que obriga á cidadanía a emigrar (cara as cidades…), perder dereitos e ter que deixar de vivir onde residiron sempre cando, a gran maioría da poboación maior o que quere é permanecer nos seus fogares o maior tempo posible.

Un claro síntoma dese estrangulamento do rural é o desmantelamento da atención sanitaria, como se pode comprobar en calquera lugar da xeografía galega, estrangulamento que se agrava dende que se aproba o Anteproxecto de Modificación da Lei de Saúde de Galicia.

A atención sanitaria no rural ten graves eivas, como se pode constatar na provincia de Ourense, nos centros de saúde do rural ourensán, situación que se ve agravada pola falta dun adecuado transporte público nas comarcas, o que provoca que a veciñanza, sobre todo a xente maior, se vexa obrigada a coller taxis e gastar cartos en desprazarse aos centros de saúde ou hospitais, servizos esenciais e que cada vez están máis afastados dos seus domicilios.

No centro de saúde de Pobra de Trives, Manzaneda ou San Xoán de Río adoitan darse dificultades coa atención, derivadas dos recortes levados a cabo polas políticas do Partido Popular.

O servizo de pediatría de Pobra de Trives, servizo que funciona só dúas horas a semana, unha hora o martes e outra hora o xoves, leva dous meses sen atender o estar a titular da praza de baixa, deixando as nenas e nenos da Comarca de Trives nunha situación de desatención vergoñenta por mor da xestión da Consellería de Sanidade neste ámbito.

Desde En Marea defendemos o respecto e a atención á cidadanía independentemente de onde residan así como o dereito das persoas a permanecer nos seus domicilios, no seu entorno, se así o desexan, todo o tempo que poidan.

O rural precisa recursos e garantías de atención.

Por iso, dende En Marea instamos a Xunta de Galicia a garantir o servizo de pediatría no Centro Médico de Pobra de Trives, restablecendo este nos días e horas nos que viña prestando atención, para poder ter así, os seus nenos e nenas, o dereito máis básico: o dereito á saúde.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.