Solicitamos á Xunta que recoñeza oficialmente o camiño que atravesa as Terras de Celanova como camiño xacobeo e se lle aplique a sinalización apropiada

O deputado ourensán, Davide Rodríguez, xunto coa deputada Ánxeles Cuña, rexistraron hoxe no Parlamento Galego unha PNL que recolle unha vella demanda de asociacións e concellos da zona. O camiño xacobeo entra en Galiza pola Portela do Home, na antiga Vía Nova e atravesa os concellos de: Lobios, Entrimo, Muíños, Bande, Lobeira, Celanova, Cartelle, A Merca, San Cibrao das Viñas e Barbadás.

En 2009 asociacións da comarca solicitáronlle á Xunta o recoñecemento oficial de camiño xacobeo para o “Camiño de San Rosendo” ou “Camiño da Raínha Santa”. En 2010, os alcaldes de todos os concellos afectados aprobaron por unanimidade que o camiño sexa recoñecido oficialmente como un ramal do Camiño Mozárabe e en consecuencia que lle se aplique sinalización propia. Novamente en 2015 diferentes asociacións dos concellos implicados reiteran a súa solicitude de recoñecemento do camiño.

Recollendo as demandas das veciñas e alcaldes da comarca, o Grupo Parlamentar de En Marea rexistrou unha PNL para que a Xunta de Galiza inclúa o Camiño de San Rosendo como camiño de peregrinación a Santiago, dotándoo da sinalización apropiada, así como un plan director de conservación, potenciación e albergues axeitados.

Para En Marea, o patrimonio cultural galego, material e inmaterial, debe ser estudado e considerado para a permanencia e a identidade da cultura galega a través do tempo. E as diferentes rutas do Camiño aportan riqueza, diversidade, dinamismo e oportunidades ás veciñas das zonas polas que pasa. Por iso o goberno da Xunta non debe demorar máis e engadir o camiño de San Rosendo como camiño de peregrinación a Santiago

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.