O Concello de Manzaneda ven de demandar a Red Eléctrica Española por incumprimento do convenio asinado no que se comprometía a desmontar a liña obsoleta de Alta Tensión entre Trives e Aparecida.

Así o ratificaba o pleno do Concello de Manzaneda que tivo lugar este pasado 30 de novembro.

Xa con data de 1 de xuño do presente ano, o concello mandoulle un requirimento a REE instándoa a desmontar de forma inmediata a antiga liña de 220 kw co fin de evitar os evidentes perxuizos que a súa existencia actual supón, non recibindo a día de hoxe ningunha resposta por parte da compañía eléctrica.

En setembro do ano 2009, Rede Eléctrica de España S.A., en base ao artigo 4.2 do Real Decreto 195572000, de 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, proxectou o transporte de enerxía eléctrica de nova xeración en Galicia e Castela León.

Argumentouse a necesidade de alimentar electricamente o futuro tren de alta velocidade Madrid-Segovia-Valladolid-Zamora-Ourense-Vigo, ademais de indicar a mellora da seguridade e calidade da subministración en Galicia e Castela-León e posibilitar a exportación da crecente produción de orixe eólica. Razón pola que procedeu á instalación da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica, a 400 kV, dobre circuíto para conectar as subestacións de Trives (Ourense) e Aparecida (Zamora).

Esta instalación eléctrica contou coa Declaración de Impacto Ambiental favorable da Secretaria de Estado de Cambio Climático, ademais de contar coas preceptivas autorizacións do Ministerio de Industria.

Na parte expositiva das estipulacións, asinadas entre o concello e os representantes de REE, ademais de diferentes compromisos, como o respecto ambiental e a reposición de posibles danos ao seu estado orixinario, sinálase que a nova liña de alta tensión de 9,780 quilómetros, substituiría á actual liña de transporte de enerxía eléctrica de 220 kV de simple circuíto. Afirmando taxativamente que esta última liña será desmontada unha vez que se puxo en servizo a futura liña eléctrica a 400 kV.

É dicir, Rede Eléctrica de España S.A. comprometeuse no ano 2009 a retirar a liña aérea de transporte de enerxía eléctrica, a 220 kV, simple circuíto, situada entre Trives e Aparecida (Ourense e Zamora) unha vez que estivese en funcionamento a liña aérea de transporte de enerxía eléctrica, a 400 kV, dobre circuíto, que conectaría as subestacións de Trives e Aparecida, e cuxo trazado discorre parcialmente polo municipio de Manzaneda (Ourense). Con todo, o devandito compromiso non se cumpriu e actualmente están en funcionamento, desde hai dous anos, e discorren polo municipio, unha liña de 400 kV (simple circuíto) e a antiga liña de 220 kV.

REE cambiou o proxecto a un dobre circuíto 400kV/220kV sobre os mesmos apoios que non foi completado no tramo Conso-Trives no que se mantén as dúas liñas de maneira independente.

En consecuencia, os veciños e veciñas de Manzaneda, entre outros, teñen que soportar, sete anos despois, dúas liñas de alta tensión ao seu paso por este municipio contravindo así os acordos alcanzados, o que resulta, de xeito evidente, unha anormalidade que debe corrixirse canto antes.

Tamén no parlamento galego, se aprobou unha proposición non de lei por unanimidade do grupo parlamentar de En Marea instando a Rede Eléctrica de España S.A., como transportista único e xestor da rede de transporte, a:

a) Cumprir, o máis axiña posible, co compromiso adquirido e proceder ao desmantelamento da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica, a 220 kV, simple circuíto, no tramo Conso-Trives, independentemente de que sexa instalado ou non o dobre circuíto sobre os apoios da liña de 400 kV.

b) Rexenerar o trazado da liña, unha vez desmontada, para recuperar da mellor maneira posible o equilibrio ambiental e ecolóxico.

Os incumprimentos de REE, tanto cos acordos adoptados na parlamento galeo, como nos requerimentos do Concello de Manzaneda, obriga a este último a demandar a Red Eléctrica Española por incumprimento do convenio asinado no que se comprometía a desmontar a liña obsoleta de Alta Tensión entre Trives e Aparecida.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.