É primordial que se recoñeza non so a gran contribución das mulleres no campo, na produción agrícola, etc. senón tamén que ese recoñecemento se traduza en políticas que transformen a realidade do rural coa presenza e participación activa das mulleres.

A Xunta de Galicia non está sabendo abordar a fenda de xénero que prexudica ás mulleres do rural, como demostra o fracaso estrepitoso da aplicación da Lei 35/2011 de Titularidade Compartida das Explotacións.

Para fixar poboación no rural é preciso facer unha análise de cada contexto concreto, e adecuar as medidas á realidade social de cada un, inda que haxa eixos comúns:


É fundamental a procura, estímulo e impulso de novos xacementos de emprego, a atención ás aspiracións e expectativas das mulleres xoves que seguen no medio rural, a apertura á participación das mulleres en tódolos aspectos da vida local, non so en actividades agrícolas senón buscando fórmulas innovadoras, sen esquecer necesidades sociais que teñen vetas sen cubrir (ampliación de recursos de Servizos Sociais en servizos de proximidade, fomento do cooperativismo e a economía social no sector dos coidados, do fomento do turismo social, etc.).

Para que estas potenciais propostas teñan sentido pleno, é fundamental traballar e por en valor (no canto de desmantelar como se tenta facer dun tempo a esta parte) a descentralización de certos servizos, recursos e equipamentos. Un axeitado transporte público no rural e a conexión coas vilas e cidades próximas é algo esencial.

Vimos de preguntarlle a Xunta de Galicia como valora a situación das mulleres no medio rural, se elaborará a Xunta un Plan integral para a promoción das mulleres do medio rural antes de que remate a lexislatura, se ten previsto a Xunta instar a todas as institucións e administracións públicas a que promovan, desenvolvan e poñan en marcha todas as medidas legais posibles destinadas a proporcionar un trato xurídico igualitario ás mulleres que se dedican ao sector primario no medio rural ou se impulsará a Xunta as políticas activas e as axudas necesarias que permitan compaxinar a vida laboral no campo coa actividade familiar entre outras.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.