Hoxe, acompañamos as compañeiras e compañeiros de SEAGA na concentración que tivo lugar en San Caetano para pedirlle a Consellería de Medio Rural que aclare cal vai a ser o seu futuro.

SEAGA é unha empresa pública creada pola Xunta de Galiza para a realización, como medio propio da Administración galega, e ao seu servizo, de todo tipo de actuacións, obras, traballos e prestacións de servizos en materias forestais, especialmente as relacionadas coa prevención e loita contra os incendios forestais en particular e, en xeral, intervencións de carácter urxente relacionadas cos lumes forestais.

No dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais conviven diversos actores, pero á hora do ataque directo na primeira liña de lume atópase o persoal que dirixe as tarefas (axentes e técnicos fundamentalmente) e o persoal que se enfronta ás lapas: brigadas contratadas directamente pola Consellería de Medio Rural e brigadas contratadas a través da empresa pública SEAGA.

Non existe diferenza ningunha entre estes dous tipos de traballadores e traballadoras á hora da extinción dos lumes forestais, están baixo o mesmo mando e actúan conxuntamente.

Pero si existen varias diferenzas previas posteriores:

– O persoal contratado directamente pola Consellería está incluído no V Convenio Colectivo do Persoal Laboral da Xunta de Galicia. – O persoal contratado a través de SEAGA non ten convenio nin se lle aplica o V Convenio. Aplícaselle o Estatuto dos Traballadores excepto, curiosamente cando se trata de reducir o salario pola aplicación dos recortes salariais aos empregados públicos. – Os salarios dos traballadores de SEAGA son inferiores aos do persoal contratado directamente. Non se lles recoñece o tempo traballado en SEAGA para acceder ás listas de contratación da Xunta de Galicia. – Aos traballadores de SEAGA a empresa obrígaos, mediante un protocolo imposto que denunciaron ante a inspección de traballo, a realizar na mesma xornada tarefas de prevención e extinción, co risco que isto supón para a seguridade e a merma de efectividade na extinción dos lumes. Teñen constatadas xornadas laborais de 4 horas de traballo de prevención, máis 8 de extinción.

En resumo, realizan as mesmas funcións que os seus compañeiros e compañeiras do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios Forestais (SPDCIF), pero cobran menos, teñen menos dereitos, teñen contratos de menor duración, teñen que realizar tarefas de prevención e extinción na mesma xornada e ademais non se lles recoñece o tempo traballado.

Desde os Comités de Empresa e a título individual, os traballadores-as denunciaron e gañaron sentenzas que lles recoñecen dereitos do V Convenio único do Persoal Laboral da Xunta de Galicia, están agardando resolución da Inspección de Traballo polo protocolo que lles obriga a duplicar tarefas e están demandando ante a dirección de SEAGA e ante Función Pública que se lles aplique a disposición transitoria sexta da LOFAXGA, que di:

“En relación co persoal regulado no título III desta lei cuxo réxime xurídico lle asigne retribucións inferiores ás establecidas no convenio colectivo do persoal da Xunta de Galicia para as correspondentes categorías procederase, nun prazo de dous anos desde a aprobación desta lei, a negociar coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos a aplicación do convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia”.

Neste momento, as traballadoras e traballadores de SEAGA están nunha situación de incerteza. Estamos a falar de 500 persoas aproximadamente con contrato de fixo-discontinuo que non sabemos o que vai a ser eles e elas.

Por unha banda, o día 12 de febreiro, na Comisión de Persoal, saíu para adiante a reforma do Decreto 37/2006 co voto en contra de todos os sindicatos por diferentes motivos (non incluía consorcio, non se puntuaba dunha categoría para outra, etc…).

A pesar de ir para adiante, a día de hoxe non e está publicado e parece que vai seguir no caixón por un tempo.

Con esta tardanza deliberada, traballadores e traballadoras que levan máis de 10 campañas non van poder entrar a cubrir praza no SPDCIF.

Por outra banda está o convenio das faixas de protección de núcleos entre a Fegamp e SEAGA, na que a día de hoxe están sumados 150 municipios aproximadamente e polo que sabemos só se contrataron de momento técnicos (en febreiro) sen saber que vai a pasar cas labores de roza que xa se tiñan que estar executando.

Por isto, dende En Marea pedímoslle ó Conselleiro de Medio Rural que se reúna de forma urxente có Comité de Empresa de SEAGA para aclarar o seu futuro, e levaremos ós vindeiros plenos iniciativas onde lle pediremos ó Partido Popular que aclare cal vai ser o cometido destes 500 traballadores e traballadoras a partir de xa, tanto nas tarefas de prevención no convenio asinado entre a Xunta de Galicia e a Fegamp (faixas de protección de núcleos rurais) como nas tarefas de extinción de incendios, establecendo prazos.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.