O número de queixas recibidas na área de medio ambiente durante o ano 2018 foi de 1.245. A porcentaxe de queixas concluídas incrementouse un 7,6 % con respecto ao exercicio do 2017 e supoñen un 18% do total.

Nesta área tramitáronse durante o ano 2018 fundamentalmente queixas de contaminación acústica, ben sexa causada por establecementos comerciais, locais de hostalería ou lecer ou celebracións festivas en espazos abertos, por inmisión de ruídos no interior de vivendas; protección da biodiversidade; contaminación da atmosfera, chan e auga, e protección do medio ambiente en xeral.

A institución incoou unha queixa de oficio á propia Xunta de Galicia ao ter coñecemento de que se estaban empregando herbicidas con glifosatos para labores de roza de beiravías de estradas de titularidade autonómica en tarefas de prevención de incendios.

A través das queixas compróbanse atrasos nas respostas ás solicitudes de información ambiental, reguladas na lei do dereito de acceso á información en materia de medio ambiente. Nela establécese o dereito subxectivo de acceso a toda a información ambiental, con limitadas excepcións. O procedemento debe ser sinxelo e a resposta debe darse no prazo dun mes. As queixas concéntranse no incumprimento deste prazo legal. O atraso é común, aínda que co trámite das queixas a maioría das respostas son inmediatas e positivas.

No que atinxe a Medio Rural relativos á explotación de gando porcino próxima a vivendas, a desconformidade con criterios aplicados en saneamentos da tuberculose bovina, a ampliación da tempada de caza do xabaril e as medidas compensatorias polos danos producidos pola fauna silvestre, son as queixas que copan o “ranking”.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.